Nigrán ofrece este Nadal máis dunha trintena de actividades para todos os públicos

O Concello de Nigrán vén de publicar na súa páxina web http://www.nigran.es (apartado Próximos Eventos) toda a súa programación de Nadal con máis dunha trintena de actividades para todos os públicos ás que se sumarán máis nos vindeiros días. Tras dous anos con restricións sanitarias, o Concello retoma a programación habitual con rondallas, concerto de corais, teatro, eventos deportivos, mercado de inverno e, como novidade, obradoiros para cativos o 26 e 27 e cine infantil o 28 e 29 no Auditorio Municipal coas películas “Coco” e “A Viaxe de Chihiro”.

Así, tras o acendido do mércores 7, o día 8 terá lugar no Auditorio o tradicional concerto de corais con todas as formacións do municipio, suspendido nos dous anos anteriores, e que como é tradición, terá un fin solidario ao recadar alimentos non perecedoiros para o Banco Municipal de Alimentos. En canto á música, aínda que as Rondallas son as protagonistas naturais desta época (con Certame de Rondallas do Val Miñor a mañá do domingo 18 na Ramallosa e percorrido por Nigrán a tarde do 24) tamén haberá concertos como o do grupo de acordeóns Tarataña o día 11.

O día 21 celebrarase o tradicional baile de maiores no Auditorio Municipal e o 22 o Concerto de Acordeóns “Compás 21” no Auditorio do Torreiro de Priegue. Para o día 27 de decembro desfrutaremos do festival de música tradicional benéfico da agrupación de integración “Ardelume”.

As probas deportivas serán protagonistas neste Nadal coa estrea en Porto do Molle o sábado 11 do II Trofeo Ciclocrós Concello de Nigrán ZFV e do Campionato Galego de Kung-Fu o 17 no Pavillón Municipal. Os días 26 e 27 o Torneo do Club Baloncesto Nigrán “Encesta un Alimento” e como é tradición no fin de ano nigranés, o 31 será a xuntanza dos “Arroases” para nadar nas augas de Panxón e pola tarde a carreira popular San Silvestre, ambas non competitivas. A isto súmanse os paseos saudables todos os sábados ata o 17 de decembro con inscrición previa en oficinaturismo@nigran.org.

O teatro estará presente cada semana; o sábado 10 con Tiruleque Teatro coa función “Soutelo Enterprises”; o 17 coa compañía A Tequerreté Teatro representando “Confinad@s”, o 23 volven a Nigrán Fulano, Mengano e Citano e o 30 coa gala-aniversario do grupo nigranés Teatro do Ar.

A Fundación Igualarte levará a cabo un contacontos para nenos de 5 a 8 anos o sábado 10 na Biblioteca Municipal ou un obradoiro para primeira infancia o día 17 para o cal é preciso inscribirse previamente en http://www.nigran.es . Ademais, “El Telefonillo” continuará cos seus obradoiros de “O vaivén das historias” cun obradoiro para avós e nenos o día 20 e 22, exposición do recadado do 4 ao 7 de xaneiro e festa de xuntanza o día 7 a mediodía no Auditorio.

Igualmente, e como propio do Nadal, repetirase o Mercado Bule Bule o 16, 17 e 18 na Praza Rosalía de Castro. E como non podería ser doutro xeito, os papanoeles moteiros non faltarán á súa cita o 18 de decembro, o apalpador visitará o día 16 A Ramallosa, Papá Noel o día 24 Chandebrito. Durante todo o Nadal a Oficina de turismo de A Ramallosa converterase na “Casa de Chocolate” onde o 23 e 24 de decembro haberá actividades e estará Papa Noel recibindo aos máis cativos así como o 3 e 4 de xaneiro onde os paxes reais recollerán as cartas para os Reis Magos.

Finalmente o día 5 Nigrán recibirá ás Súas Maxestades de Oriente cunha gran Cabalgata que sairá da Praza do Concello e rematará cunha gran festa no Pavillón Municipal de Panxón. O Nadal despedirase o sábado 7 de xaneiro co Concerto de Saxos de Redondela e o domingo 8 co concerto da Coral Novos Aires de Nigrán. Toda a programación estará pendurada e actualizada na web http://www.nigran.es (Próximos Eventos).