24 establecementos de Nigrán “dan a cara” para promocionar o comercio local este Nadal

O pequeno comercio de Nigrán dá unha vez máis a cara polo seu sector. O Concello de Nigrán, coa colaboración da asociación de empresarios Ovalmi, lanza unha campaña especial de promoción baixo a etiqueta #EsteNadalMercaEnNigrán na que os propios comerciantes son os protagonistas. En total, 24 establecementos de todo o municipio e preto de 50 cabezas visibles dos mesmos solicitaron participar nesta iniciativa municipal tras realizarse un chamamento público no mes de novembro. Tendas de roupa, florerías, librerías, ópticas, perruquerías, hostalería… forman parte grazas ao rostro de cadanseu dependente e, xuntos, representan a todo o tecido comercial da localidade.

O resultado xa está na rúa: figuran en diferentes vallas do municipio, anuncios en prensa e cartalería e cada un conta (ou contará) nos próximos días co seu gif particular para circular en redes sociais e facer viral o hashtag. O Concello de Nigrán continúa así co seu esforzo para incentivar o comercio de proximidade entre a veciñanza, tal e como vén facendo desde hai anos con diferentes campañas, nesta ocasión cun toque informal e divertido mediante o propio deseño e os posados dos protagonistas.

“O obxectivo é subliñar ante a nosa veciñanza e visitantes que temos un tecido de pequeno comercio moi variado e que paga a pena”, subliña o alcalde, Juan González, quen considera que, precisamente o Centro Comercial Nasas, pode ser un “gancho” de clientes. “Milleiros de persoas acudirán ex profeso este Nadal a Nasas, xente que en pleno inverno non tería vido a Nigrán e que aproveitará para pasar o día aquí, por iso temos que saber captalos e amosarlle que ademais deste centro comercial, tamén temos un tecido moi variado de pequeno comercio de calidade que ofrece unha atención totalmente personalizada”, explica González.

Outra novidade deste ano é que, xunto a Ovalmi e Aqualia, o Concello promocionará por vez primeira un “Rasca e Gaña” entre os establecementos cun total de 5.000 € en premios e se establecerá desde o día 23 de decembro ao 5 de Xaneiro unha ludoteca no Centro Comercial Ramallosa para deixar aos nenos durante as compras (núcleo urbano onde desde o pasado Nadal está aberto o parking municipal gratuíto, aspecto que se promocionará xunto á ludoteca). E como xa é habitual, os comercios asociados a Ovalmi e os que participan no ‘Rasca e Gaña’ recibirán bolsas e sobres de papel kraf ilustradas coa campaña.

O Concello de Nigrán xa ten elaborado e difundido desde hai anos motivos para mercar no municipio: “ Porque somos veciños. Porque cando todo isto pase seguiremos mantendo as rúas con vida. Porque axudas ás persoas emprendedoras e xeras emprego. Porque a riqueza se queda no pobo. Porque evitas maiores desprazamentos e resulta ecolóxico. Porque ti nos importas”.

Todo o deseño e a iniciativa da campaña é obra da deseñadora gráfica de Nigrán Olalla Fernández, a camarógrafa miñorana Cristina Grande e o departamento de Comunicación do Concello.