O PSOE de Baiona destaca “a chegada de fondos europeos, as cifras históricas en turismo e as políticas sociais”

O PSOE de Baiona presentou esta mañá a campaña “Baiona está de volta”, coa que farán durante as próximas semanas un balance do mandato municipal. Para os socialistas de Baiona, “Baiona está de volta en moitos aspectos, e de feito foi o primeiro concello do Val Miñor en obter fondos Next Generation da UE”, dous millóns de euros para humanizar a contorna de Santa Liberata e impulsar o carril-bici, entre outras medidas.

“Estas axudas chegan porque Baiona conta agora con ferramentas como o Plan de Mobilidade, imprescindible para optar ás axudas de Europa”, asegura Carlos Gómez Prado, secretario xeral e de novo candidato do PSOE á alcaldía nas eleccións municipais de 2023. “Ademais, o goberno socialista de Baiona é de novo unha referencia en políticas sociais, cun incremento do 30% nas partidas desde o comezo do mandato, iniciativas como Vincúlate e numerosos convenios de colaboración con entidades como Afaga”.

“En turismo, só hai que repasar as cifras deste verán, cunha ocupación histórica que foi fundamental para o noso sector servizos, clave na economía local, despois da etapa tan dura da pandemia”, engade Gómez Prado. Coa campaña “Baiona está de volta”, os socialistas farán ademais un repaso do compromiso do goberno local cos barrios e parroquias, con numerosos investimentos e actuacións; a aposta polo medio ambiente e a sustentabilidade; a colaboración co comercio e a hostalería local, ou o apoio ao conxunto do tecido asociativo local.