O BNG solicita aclarar os motivos da demora dos servizos de emerxencia no incendio do autobús escolar en Vilas

O BNG solicitará no pleno de Gondomar información a respecto dos tempos de resposta dos servizos de emerxencia no incendio do autobús escolar do pasado mes de novembro. Cúmprese xusto un mes dende que o autobús escolar do colexio de Peitieiros ardera no barrio de Vilas, na parroquia de Morgadáns. Vivíronse momentos difíciles pero afortunadamente, e grazas á rápida e crucial actuación das condutora e coidadora do transporte, non houbo que lamentar vítimas persoais. Mais, pasados os primeiros momentos de angustia, as familias afirman sentírense abandonadas diante da gravidade do acontecido: “os bombeiros do GES tardaron corenta e cinco minutos en chegar, a Policía Local de Gondomar perdeuse, e non chegou ningunha ambulancia. Tivemos que chamala máis tarde porque un neno comezou a se atopar mal”, relatan.

O BNG solicitará aclarar estas circunstancias, así como as causas do propio incendio do autobús, co afán de que non se volvan producir situacións similares. “Solicitamos a información no pleno porque é o goberno local quen debe velar porque todas as persoas, tamén as que viven nos puntos máis afastados do noso concello, teñan a mellor protección. Despois de todo, pagan os seus impostos como as demais”, explica a Portavoz Municipal do BNG, Manuela Rodríguez.

Novas dependencias para o GES

En marzo aprobouse unha iniciativa do BNG que solicitaba que se iniciaran xestións e contactos con Zona Franca para estudar a posibilidade de habilitar unhas novas dependencias para o GES Val Miñor no parque empresarial de Porto do Molle. A proposta obedece a que na actualidade está ao carón dun instituto que concentra en determinadas horas innumerables vehículos e persoas que poden dificultar as saídas de emerxencias. Ademais, a fronte nacionalista advertiu de que o operativo do GES non pode usar a autoestrada para os desprazamentos nas emerxencias, algo que en moitos casos reduce o tempo de resposta. Desde o Bloque denuncian que os aparellos de telepeaxe, autorizados dende hai un ano, non se poden usar porque a Mancomunidade non fixo as xestións pertinentes.

Sinalización nas parroquias

O BNG tamén insta ao Concello a instalar, á maior brevidade posible, sinalizacións verticais nos viarios das parroquiais e no inicio dos camiños, indicando o rango de números que se atopan no seu interior así como un código QR que ofreza información de localización e conectada coa anunciada aplicación na web do Concello. “Esta medida contribuiría a evitar demoras na localización de vivendas ou puntos como o do accidente, e que os vehículos de emerxencias non perdan un tempo que pode ser vital para quen os precisa”, indica a concelleira nacionalista.