Baiona e Gondomar reciben 3 Flores de Honra no certame “Vilas en Flor”

Os Concellos de Baiona e Gondomar veñen de recibir 3 Flores de Honra no certame “Vilas en Flor”, que entregou as súas distincións nunha gala celebrada no Auditorio Municipal de Caldas de Reis. Este ano participaron 39 concellos de toda Galicia aos que se espera que se unan moitos máis durante o ano 2023, como salientou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez Mejuto, que presidiu este acto ao que asistiron representantes de todos os municipios participantes.

O director do movemento Vilas en Flor e director da Escola Galega da Paisaxe, Pedro Calaza, explicou as claves dunha iniciativa que iniciou a súa andaina en Galicia no ano 2018 co obxectivo de apoiar as boas prácticas no eido ambiental dos municipios galegos de menos de 40.000 habitantes. Comezou con só cinco participantes e foi tal o éxito do proxecto que se multiplicou ata acadar 39 localidades nesta edición. Pedro Calaza aclarou que Vilas en Flor non é un concurso sobre estética, senón que busca o recoñecemento ao labor que desenvolven os concellos para poñer en valor o medio ambiente, protexer e mellorar espazos verdes urbanos e rurais e contribuír á mellora da calidade de vida dos residentes, así como promover os atractivos turísticos vinculados ao paisaxismo.

A continuación tivo lugar a lectura da acta, pola que se concederon as Flores de Honra, que van de unha ao máximo de cinco, e se outorgan en virtude da análise dun xurado multidisciplinar composto por expertos profesionais e especialistas vinculados ao paisaxismo. A través de visitas técnicas a todos os municipios participantes, o equipo valorou aspectos relacionados co patrimonio paisaxístico, o respecto ao medio ambiente, o aproveitamento dos espazos verdes para fomentar a saúde pública, a xestión da auga e dos residuos, as actividades de promoción dirixidas á cidadanía e tamén a xestión turística.

Tras o acto de entrega interviñeron os representantes institucionais, que valoraron a excelente traxectoria de Vilas en Flor desde a súa posta en marcha en Galicia.