A Federación Galega de Bolos celebra en Mañufe a súa VI Gala do Deporte

O próximo 8 de decembro, a partir das 18:30 horas no Centro Cultural de Mañufe, a Federación Galega de Bolos celebrará a súa VI Gala do Deporte, na que se entregarán diplomas e trofeos aos campións da tempada 2022 e tamén aos campións do Torneo de Nadal do ano 2021. Un total de 92 trofeos pertencentes aos distintos campionatos galegos para as categorías chupete, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil, sénior, veteranos, superveteranos e femenina. Tamén se entregarán un total de 158 diplomas para galardoados galegos e tamén os galardoados nos distintos campionatos de España de especialidade de bolo celta.

Foron invitados a esta gala os delegados de deportes de Xunta de Galicia en Pontevedra, delegado de deportes da Deputación de Pontevedra, Alcaldes, Concelleiros e Concelleiras de Deportes de Baiona, Gondomar e Nigrán, así como os presidentes e xogadores dos distintos clubs de bolo celta afiliados a esta Federación, e por suposto todos os galardoados. Unha vez rematada a entrega de trofeos e diplomas farase entrega do VI Trofeo Ibérico a entidades colaboradoras e medios de comunicación. Rematado o acto a Federación invitará a degustar un petisco e un viño galego a todos os presentes, no local da cafetería do Centro Cultural.

Dende a Federación Galega desexan a todos os clubs, directivos, deportistas, medios de comunicación e entidades colaboradoras unhas felices festas de Nadal e que o próximo ano chegue cheo de éxitos para todos. Faise extensiva a felicitación a todos os xogadores e xogadoras das Federacións asturiana y madrileña de Bolos, que xuntamente coa Federación Galega participan nos distintos campionatos de España da especialidade de bolo celta ao longo de todo o ano.