
Fernando Fernández Penedo, máis coñecido como “Nando”, natural de Baiona aínda que na actualidade veciño da parroquia gondomareña de Borreiros, leva 35 anos como afeccionado belenista. O seu primeiro Belén ocupou unha mesa de 80×80, e tras triplicar o seu tamaño xa o segundo, co paso dos anos chegou a ocupar os 20 metros cadrados do seu garaxe. Por sexto ano, a súa espectacular recreación do Nacemento de Xesús trasládase a Gondomar. Tras ocupar o corredor lateral do Auditorio Lois Tobío en catro ocasións e a última planta da Casa da Cultura o ano pasado tras un ano de parón pola pandemia, nesta ocasión cambia de localización ao Centro Neural (Policía Local), para que veciños e visitantes poidan contemplalo e gozalo.
Nando comezou a montaxe do Belén o pasado 15 de novembro. Desde entón e durante dúas semanas dedicou entre 11 e 12 horas diarias á súa construción. Os materiais que compoñen o Belén son reciclados, e grazas aos 163 motores, 2.000 metros de cableado, 206 enchufes, 63 lámpadas, 3 bombas de auga e 7 fontes consegue que a maqueta cobre vida. Ocupa 76 metros cadrados en forma de “U” e está composto por 821 figuras, 191 delas en movemento. Este ano representa “O palacio de Herodes”, “A matanza dos inocentes”, “Os esposorios”, “O neno perdido no templo”, “A caravana Real”, “A Anunciación”, “A Pousada”, “O Pesebre” e “A fuxida a Exipto”.
Este non é o único Belén que confecciona. Este ano tamén confeccionou unha pequena maqueta nun dos escaparates do Multiusos Mercado de Sabarís, no marco do Concurso de Micro Beléns organizado por Coemsa e que abrirá as súas portas o 15 de decembro.
O acceso é libre e gratuíto en horario de mañá entre as 11:00 e as 13:45 horas e en horario de tarde, entre as 17:00 e as 21:15 horas, de luns a domingo, ata o día 8 de xaneiro que se clausurará. O Belén permanecerá pechado os días 25 de decembro, 1 e 6 de xaneiro en horario de mañá, pola tarde permanecerá aberto.