A AVTG quere coñecer a afectación da nova estación nos itinerarios e paradas do transporte interurbano en Vigo

A Asemblea Veciñal por un Transporte Digno para Gondomar vén de solicitar unha reunión con representantes da Dirección Xeral de Mobilidade para coñecer de primeira man como afectará a posta en funcionamento da estación intermodal ás traxectorias e paradas do transporte interurbano. “É para nós de moito interese saber se se vai converter nunha oportunidade de mellorar a nosa mobilidade, ou pola contra vai ser un novo atranco no noso camiño”, explica a portavoz da Asemblea Veciñal, Manuela Rodríguez.

O pasado 23 de novembro a AVTG dirixiu un correo electrónico ao Servizo de Mobilidade de Pontevedra solicitando información sobre a afectación que a apertura da nova estación de autobuses ía ter nas liñas dos autobuses interurbarnos que comunican os concellos de Gondomar e Vigo. A pregunta pedía información tanto dos que fan o servizo por Valadares como por Nigrán ou Patos.

A resposta que Mobilidade traslada é que, “de producirse algún novo cambio antes da entrada en funcionamento da nova estación de autobuses intermodal de Vigo, se actualizará en bus.gal o día 15 de decembro”. “Non é de recibo. Se o 17 de decembro van cambiar itinerarios ou paradas, as persoas usuarias teremos que sabelo coa antelación suficiente. Porque diso depende chegar a tempo ao traballo, a clase ou a unha consulta médica”, indica Rodríguez.

Dende a AVTG consideran que deben ter información de primeira man e con tempo para se adaptar no caso de que haxa cambios substanciais. “Queremos saber, por exemplo, se, tal como se comentou nalgún momento, se pretende dar entrada aos autobuses pola avenida de Madrid a través da Avenida Antonio Palacios, que vai pasar coas paradas das Travesas, rúa Coruña ou Gran Vía? Por iso solicitamos esta reunión urxente”.