Obradoiro infantil e presentación do libro ilustrado “Nigrán no camiño da costa”

O Concello de Nigrán presenta este domingo ás 19:00 horas no Auditorio Municipal o libro “Nigrán no camiño da costa” realizado ex-profeso para o consistorio por Ramón Quintas e Noelia Muíños, propietarios da tenda-estudio Papelier en Baiona, ambos ilustradores e deseñadores gráficos. A entrada é de balde ata completar aforo. Previamente, ás 17:00 horas, dirixirán un obradoiro para nenos de 8 a 14 anos empadroados en Nigrán que consistirá na elaboración dun mural colectivo en forma de mapa resaltando puntos representativos do Concello (para participar é preciso inscribirse previamente no formulario web http://www.nigran.es e as plazas están limitadas a 15).

A idea de publicar o Concello esta obra xurdiu despois de que Ramón Quintas e Noelia Muíños presentasen o ano pasado o seu primeiro libro “O Camiño Portugués de Costa” cun capítulo dedicado a Nigrán. “Tivo moita aceptación e gustaron moito as ilustracións, así que nese intre pensamos en que nos fixesen un dedicado só ao noso municipio porque é certo que hai pouca información sobre o Camiño adaptada ao público infantil”, explica o alcalde, Juan González, quen aposta por esta fórmula de “divulgar o patrimonio dun xeito lúdico”. Tras meses de traballo e documentación xurde este libro tamén “busca e atopa” (ao estilo de “Onde está Wally?”) con 14 debuxos representativos das 7 parroquias de Nigrán e con cadanseu pequeno texto en galego, castelá e inglés e divididas segundo comprendan ao Camiño Oficial, Camiño pola Costa (variante) e Outros Puntos de Interese. O fin agora é entregar exemplares a cada colexio e que tamén figure nas oficinas de Turismo. A maiores, o Concello realizou un calendario para distribuír entre a veciñanza que comprende todas as páxinas do libro.

“Ofrece unha perspectiva diferente de cada parroquia, de xeito que nun único debuxo se concentran paisaxes, tradicións ou monumentos”, explica Noelia. O outro gran atractivo é que ademais de figurar elementos representativos, hai outra menos evidente pero vinculada ao lugar, como o presidente da Comunidade de Montes de Monteferro camiñando co seu gorro e bastón polo lugar, músicos na Foz, animais na coñecida como “illa de Tali”…

As ilustracións foron realizadas partindo dun primeiro boceto a lapis traballado polo miúdo, despois pasaron ese boceto a tinta e o colorearon con acuarela, engadindo só dixitalmente as grandes superficies como o ceo. “É un traballo o 95% a man”, explican estes dous ilustradores que se coñeceron na facultade de Belas Artes de Pontevedra e que despois emigraron xuntos a Austria onde desenvolveron durante 7 anos a súa carreira profersional, no eido da ilustración e do deseño gráfico, así como a docencia artística (na súa tenda-estudio de Baiona continúan a impartir obradoiros monográficos).