O “BaiNadal 2022-2023” ofrece unha trintena de actividades culturais e de lecer

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura, presentou esta mañá na Praza de Abastos a programación “BaiNadal 2022”, que contempla numerosas actividades culturais e de lecer para públicos de todos os gustos e todas as idades. O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, e a Concelleira de Cultura, Miriam Costas Iriarte, acompañados polo Presidente da Asociación de Empresarios e Comerciantes de Baiona (ACEBA), Marcos Comesaña Chamorro, informaron ao detalle da extensa e completa programación que recolle numerosas actividades especialmente pensadas para o público infantil, sendo un dos seus principais obxectivos contribuír á dinamización das zonas comerciais da vila para fomentar as compras do Nadal e o consumo nos comercios e establecementos baioneses. No acto tamén participou Patricia Leyenda López, Presidenta da Asociación da Praza de Abastos de Baiona, lugar elixido para a presentación para dar visualización a este espazo e o comercio local, así como a Concelleira de Comercio Andrea Pérez González.

O Presidente de ACEBA, Marcos Comesaña Chamorro, destacou que “o comercio local fai pobo, polo que é importante apoiar a este tipo de comercio que ofrece algo distinto que non ofrecen as grandes superficies. Ademais deste trato persoal, o noso pequeno comercio tamén crea traballo entre a xente da nosa localidade”. Neste sentido, Gómez Prado, resaltou que esta “é unha das campañas máis importantes do ano para o comercio e a hostalería local, polo que desde o Concello de Baiona veuse traballando para incidir no consumo responsable e na importancia de consumir no comercio local, resaltando a oferta interesante e variada que ten o comercio de Baiona que permite atopar de todo”.

Espectáculos infantís e familiares, actuacións musicais, festivais variados, pasarrúas, cinema de Nadal… moito lecer e un Fin de Ano especial. Unha programación “na que puxemos todo o noso esforzo e agarimo, porque entendemos que despois de dous anos sufrindo as limitacións por mor da pandemia Baiona merécese gozar destas festas ao grande”. Por iso, desde a Concellería de Cultura, destaca o mandatario, “fixemos unha aposta potente coidando o noso tecido local. Unha programación que, como non pode ser doutra maneira nestas datas, mira tamén con especial atención á infancia, cun amplo abano de propostas lúdicas”. Estes espectáculos desenvolveranse entre o 2 de decembro e o 8 de xaneiro na Alameda Carabela Pinta, no Auditorio Municipal V Centenario, na Praza do Concello, no Multiusos Mercado de Sabarís, no Casco Vello ou na Avenida Julián Valverde de Sabarís.

A nota solidaria da programación terá lugar este sábado 3 de decembro, xa que se organizou ás 20:00 horas un festival a favor da ONG local “Ayuda al Mundo Necesitado”, no que se poderá gozar das actuacións de “Rock Q’Mola” e “Tonichi e Pacheco”. A ONG local recollerá alimentos non perecedoiros no festival. Entre as atraccións do Nadal a destacar, as badaladas de fin de ano que se adiantarán ao sábado 17 de decembro na Alameda Carabela Pinta. Xa desde as 22:30 crearase ambiente nas rúas do Casco Vello co pasarrúas de “Bloquinho Aperta”. Tras as uvas, ás 00:00, poderase gozar dun concerto de “La Patrulla”. O 23 de decembro o “Camionciño de Papá Noel” percorrerá ás 18:00 horas a Avenida Julián Valverde e ás 20:00 horas o Casco Vello para que todas aquelas persoas que o desexen poidan gozar e ver en primeira persoa a Papá Noel un día antes do seu gran día de entrega de agasallos e tamén facerlle chegar as súas peticións.

O día 24 de decembro as rúas do Casco e previamente a Avenida Julián Valverde de Sabarís estarán amenizadas polo pasarrúas da Rodalla Santiago de Parada de Nigrán. Aquelas persoas que se acheguen ata o casco histórico da vila para gozar da mítica tarde de viños atoparanse cos ritmos e a música a partir das 18:00 horas do pasarrúas da charanga “Nova Cubana”. Así mesmo, destaca a instalación dunha pista de xeo e tubbing na Praza do Concello para o goce dos máis pequenos da casa. Esta actividade está recomendada a partir de 6 anos. Inaugurarase o próximo 21 de decembro ás 17:00 horas e poderase gozar ata o próximo 8 de xaneiro en horario de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. Tamén o ciclo de cinema de Nadal, programado para os nenos e nenas no Multiusos Mercado de Sabarís. Ademais de todas estas actividades, este mesmo espazo, tamén contará cunha exposición de micro-beléns. A inauguración será o 15 de decembro e permanecerá aberto para ser visitado ata o próximo 7 de xaneiro.

Por outra banda, o Auditorio Municipal V Centenario tamén albergará numerosas actividades da programación especial con motivo destas festas como as actuacións musicais do día 10 de decembro ás 21:00 con “O Show de Cristian”, así como o día 11 ás 18:00 horas a gran actuación da cantante “Sheila Patricia”. Os espectáculos familiares como “O neno Groba e a música”, programado para este domingo 4 de decembro ás 18:00 horas (cámbiase a data por motivos de saúde dun artista para o sábado 17) ou a gala musical “Un Conto de Nadal”, o 29 de decembro ás 20:30 horas, onde desfrutaremos baixo a dirección de La Ocaband con Manquiña e Pepo Suevos.

Tamén volven os clásicos, como unha nova edición da Gala de Nadal da escola de baile “Galicia en Danza”, o domingo 18 de decembro a partir das 16:30 horas; o Festival de Nadal da Escola de Música de Baiona, o 22 de decembro ás 19:00 horas; ou o Festival de Corais baionesas no que por primeira vez actuarán xuntas a Coral Polifónica “Baiona A Real”, “A Cela de Baredo” e a “Coral San Lourenzo de Belesar”, unhas actuacións que se poderán gozar o día 23 de decembro ás 20:30 horas; ou o concerto de Fin de Ano o día 30 de decembro do Coro de Homes “Voces Baionesas” ás 20:00 horas. O broche de ouro da programación terá lugar o mércores 4 de xaneiro coa visita dos Reis Magos ás distintas parroquias e o martes 5 coa Cabalgata de Reis, que sairá ás 18:00 horas de Sabarís. O punto e final a esta completa programación do Nadal o pon o Festival de Maxia do sábado 7 de xaneiro.

Programación BaiNadal 2022