
O Concello de Nigrán retoma este sábado 3 de decembro o ciclo de Fegateatro coa obra “As impresentables” de Atlántida de Matamá ás 20:00 horas no Auditorio Municipal. Unha directora un pouco antipática empeñada en sacar adiante unha obra despois da pandemia, unha bolseira que é explotada e un elenco… Do máis impresentable. Con intermedios publicitarios e escenas do máis estrafalarias, “As Impresentables” tratará de facer rir ao público asistente. É unha obra de teatro cómica de sketches con pezas de Tomás Afán, Alejandro Jodorowsky, Eugene Ionesco ou os Monty Python. A entrada é de balde ata completar aforo.
O ciclo de teatro amador continúa o sábado 10 con Tiruleque Teatro coa función “Soutelo Enterprises” e remata o 17 coa compañía A Tequerreté Teatro representando “Confinad@s”. Estas representacións forman parte do convenio de 7.000 € do Concello de Nigrán coa Federación Galega de Teatro Afeccionado baixo o título “Fegateatro Nigrán 2022”. Deste xeito, o Concello terá ofrecido ata o 17 de decembro dez obras de compañías de teatro amador de toda a comunidade.