A instalación de novas redes de saneamento e pluviais continúan en Baredo por case 106.000 €

O Concello de Baiona pon en marcha as obras nos barrios de Baredo de Xestas, A Torre, A Bouza e Montiño, camiños que carecían deste servizo. As obras foron adxudicadas á empresa “Excavaciones y Construcciones Manuel Pérez Portela” por 105.951,42 euros e están subvencionadas ao abeiro do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra. Vaise proceder á instalación de novas tubaxes de saneamento para dar acceso ao mesmo ás vivendas que non tiñan ese servizo municipal. O Concello considera necesaria a obra porque os residentes na zona trataban as augas residuais de maneira individual con fosas sépticas nas vivendas. Así mesmo, tamén se vai a instalar nova rede de pluviais, uns traballos aos que se sumará a mellora do pavimento co asfalto dos viarios. O Concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez, sinala que con estas obras “vaise proceder á instalación de distintas tubaxes de varios metros para dar un novo servizo a todas as vivendas situadas nestes camiños da parroquia”.

Pola súa banda o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, comenta “a importancia destas obras que darán servizo ás vivendas destes lugares”. Así mesmo, destaca que “se trata dun compromiso do Alcalde de Baiona para que a veciñanza teña o mesmo acceso aos servizos municipais residan onde residan”. A dotación destas novas redes de saneamento súmase a outras moitas levadas a cabo nos últimos meses en distintos puntos da localidade. Do mesmo xeito, darase continuidade á mellora de infraestruturas e servizos básicos dos diferentes barrios e parroquias do municipio. O rexedor reafirma o obxectivo de completar o saneamento nos barrios e lembra que a dotación destes servizos aos núcleos da localidade “foi, e segue sendo, unha das nosas prioridades”. Outro dos obxectivos é “o compromiso co medio ambiente xa que con estas novas instalacións elimínase o risco dunha contaminación dos terreos e mesmo do río”, finaliza o rexedor.