O Nadal arranca en Baiona este venres

Maxia, alegría, ilusión e, sobre todo, anhelos de paz. Son os valores do Nadal baionés para este ano reflectidos na programación de actividades e no cartel anunciador. O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, e a concelleira de Cultura, Miriam Costas Iriarte, presentarán este xoves 1 de decembro ás 11:30 horas no Concello ambos os dous elementos característicos da festividade que recupera a totalidade das súas tradicións para grandes e pequenos.

Estas darán comezo o venres 2 de decembro, ás 19:00 horas, na Alameda Carabela Pinta, co espectáculo “Thea, Deusa da luz”. Thea, na mitoloxía grega significa “amplo brillo” e é unha divindade, considerada como a deusa que outorgaba o brillo ao ouro e as pedras preciosas. Acompañada dos seus dez trasgos e o seu gran protector, percorrerán as rúas enchéndoas de maxia, fantasía e moitísima diversión. Un espectáculo itinerante para todos os públicos que conta con patinadores, zancudos e os mellores animadores de Galicia.

Tras a performance, ás 20:00 horas, procederase ao aceso da iluminación e do poboado de Nadal, acto que será amenizado coa actuación musical “Speakeasy”.