Nigrán ofrece un obradoiro de cociña para nenos a cargo da Fundación Igualarte

O Concello de Nigrán ofrece este mércores 30 de novembro un obradoiro infantil de cociña a cargo da Fundación Igualarte nas instalacións do CEIP Humberto Juanes. Realizaranse quendas de 10 persoas en sesións de 20 minutos de 17:30 a 19:00 para nenos de 5 a 8 anos e de 19:00 a 20:30 para idades de 9 a 12 anos, polo que non é preciso inscribirse. Os participantes realizarán unha receita fría e individual e a levará para a súa casa.

Esta actividade forma parte do convenio de 5.000 € do Concello de Nigrán coa Fundación Igualarte. Para o último obradoiro dirixido á primeira infancia (Biblioteca, 17 de decembro- bebés de ata 2 anos ás 17:00 e nenos de 2 a 5 anos ás 18:30 horas) é imprescindible inscrición previa no formulario web que no mes de decembro se habilitará en http://www.nigran.es, estando destinado só a nenos empadroados.

A Fundación Igualarte, con sede en Vigo, loita pola integración das persoas con diversidade funcional no campo artístico e o desenvolvemento das súas competencias creativas e expresivas, sendo a única de España dedicada ao desenvolvemento artístico destas persoas.