Esquerda Unida esixe ao alcalde de Nigrán que impoña á concesionaria da piscina un aumento da temperatura

O contrato para a xestión, explotación e mantemento da piscina climatizada da Mancomunidade de Val Miñor establece no seus pregos técnicos, que o concesionario debe manter os niveis de temperatura da auga da piscina en termos axeitados, de maneira que non haxa queixas das persoas usuarias.

Para Esquerda Unida resulta evidente que as actuais queixas das persoas usuarias da piscina poñen de manifesto que non se está cumprindo o contrato no referente á temperatura da piscina, polo que esixe ao Alcalde de Nigrán, actual presidente da Mancomunidade que, conforme ao establecido no contrato, a Mancomunidade ten a facultade, ademais de interpretar o contrato, de “ditar as ordenes necesarias para manter ou restablecer a prestación do servizo” e “de impor á concesión as correccións e sancións pertinentes por razón das infraccións que, eventualmente, cometera.

Para José Cuevas, voceiro de Esquerda Unida en Nigrán, está claro que, o presidente da Mancomunidade ten ferramentas no contrato para que de forma inmediata se suba a temperatura da piscina, sen que isto supoña un prexuízo económico nin para as persoas usuarias nin para a Mancomunidade, xa que o contrato realízase por risco e ventura da empresa concesionaria, establecendo especificamente que a “existencia de crise económica que incida nesta concesión é un risco que asume plenamente o contratista”. “O Alcalde de Nigrán debe actuar con eficacia para corrixir as queixas das persoas usuarias e non esperar a resolución do expediente sancionador que se lle abriu á concesionaria”, finaliza Cuevas.