Concentración na Ramallosa en defensa da Atención Primaria

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Val Miñor, que forma parte da Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, quere chamar á cidadanía a participar nas mobilizacións, convocadas o 30 de novembro, para salvar e fortalecer a Atención Primaria e a todo o Sistema Sanitario Público Galego, “ameazado polas políticas de recortes e desmantelamento da Xunta de Galicia e a Consellería de Sanidade”. A mobilización ten como obxectivo poñer en valor a Iniciativa Lexislativa Popular que ten en marcha SOS Sanidade Pública a nivel de toda Galicia e que demostra que “outra Atención Primaria é posible”.

“A poboación sofre importantes trabas e limitacións para acceder e ser atendida nos Centros de Saúde e na PAC; soporta listas de espera de días ou semanas e consultas masificadas con perda da promoción, prevención, rehabilitación e atención ás enfermidades crónicas; e o abandono da participación comunitaria. Mentres o persoal dos centros de saúde e PAC están sometidos a condicións de inestabilidade e precariedade laboral e a unha enorme presión asistencial por falta de recursos”, sinalan.

Por todo iso desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Val Miñor convocan á cidadanía a que demostre o seu rexeitamento ao desmantelamento do Sistema Sanitario Público e en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular na que propoñen que o Parlamento de Galicia debata e aprobe unha serie de medidas necesarias para poñer en valor a Atención Primaria.

“Só a mobilización social, en alianza co persoal da sanidade pública, pode frear o deterioro da Atención Primaria. Convocamos a toda a poboación e ao persoal da sanidade pública a mobilizarse o día 30 de novembro, ás 19:00 horas na Alameda da Ramallosa, en defensa do Sistema Sanitario Público e polo Reforzo e Fortalecemento da Atención Primaria”, conclúen desde a Plataforma.