Baiona abre o prazo para participar nun curso de autodefensa para mulleres

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona abre o prazo para participar no curso de “Autodefensa para mulleres ante situacións violentas”. A actividade desenvolverase o sábado 17 de decembro en horario de mañá e tarde de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas no Pavillón Municipal de Deportes.

O curso, impartido por especialistas da Federación Galega de Loita e pertencentes ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, enmárcase nas actividades que a Secretaría Xeral de Igualdade oferta aos Concellos da Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, da que o Concello de Baiona forma parte.

Terán preferencia no acceso as mulleres empadroadas en Baiona. Para inscrición ou más información contactar co Centro Municipal de Información á Muller de Baiona de forma presencial ou a través do teléfono 986 35 75 54 en horario de 9:00 a 14:00 horas.