
O artesán con carta baionés e afincado en Gondomar, Fernando Fernández, continúa dando renda solta á súa creatividade e enxeño en forma de Belén xigante e novamente chegará con máis sorpresas, figuras e extensión. Este Nadal a súa colosal representación trasládase ao inmoble da Xefatura da Policía Local gondomareña, no Centro Neural da Coelleira onde Nando leva traballando desde o pasado día 15 de novembro para ter todo a punto de cara á súa inauguración prevista o 3 de decembro. Este ano ademais tamén montará unha pequena maqueta nun dos escaparates do multiusos de Sabarís, dentro do concurso de Microbeléns organizado por Coemsa e que abrirá as súas portas o 15 de decembro.
Ao da vila condal dedícalle unha media de 10 horas diarias de luns a sábado e oito días despois de comezar apenas chegou ao ecuador do seu mundo en miniatura composto por máis de mil personaxes estáticos e dinámicos accionados por 135 motores reciclados, un río e un lago unidos por un sistema de reciclaxe de auga construída por el mesmo. Este ano a súa maqueta incluirá máis nenos e xogos como as bólas, a cruceta, a billarda ou os birlos, pero tamén canteiros, cesteiros, “zoqueiros”, un redeiro ou carpinteiros de ribeira. Para dar cabida ás novas incorporacións o seu Belén tamén gaña en tamaño pasando de 50 a 70 metros cadrados dispostos en forma de “U” como lenzo para que o mestre represente desde cero a historia da Biblia. Polo momento ten montados varios escenarios que reflicten “A matanza dos inocentes”, “O palacio de Herodes”, “Os desposorios” ou “O neno perdido no templo” e aínda queda por diante “a Anunciación”, “a Pousada”, “o Pesebre” e “A fuxida a Exipto”. Cando lle preguntan polo prazo de finalización da súa obra Nando encóllese de ombreiros e prefire non dar un prazo. “Nunca sabes o tempo exacto que che vai a levar, despois de acabar unha parte e comprobar que todo funciona correctamente, de súpeto tiras dun cable e o boneco deixa de moverse”, explica.
As cifras que manexa o albanel de profesión quitan o salouco: máis de 2.000 metros de cable con centos de puntos de luz unidos aos seus correspondentes transformadores máis os motores que moven as figuras. Para dar corrente a semellante armazón necesita 200 enchufes e cada instalación conta cunha etiqueta que indica a que elemento está a alimentarse, deste xeito se ten algunha avaría pode localizar o cableado de maneira sinxela. O amante dos beléns leva 35 anos dedicándose a iso e espera que os seus netos síganlle o ronsel. “Non me gustaría que se perdese”, conclúe.