O temporal cébase co paseo da Madorra en Panxón

O mal tempo parece que dará tregua uns días, pero non sen antes deixar tras de si unha segunda xornada de danos e incidencias con ondas de ata sete metros en puntos de Nigrán e Baiona e máis inundacións en Gondomar, onde onte o nivel de Zamáns e o Miñor superou ao do primeiro día debido ás fortes precipitacións rexistradas desde o amencer e ata última hora da mañá.

O temporal afectou seriamente o paseo da Praia da Madorra de Panxón, aquí o embate das ondas partiu as vigas de suxeición afectando a oito metros de estrutura, e como consecuencia diso o conxunto desprazouse quedando parcialmente levantado do chan. Os bloques de pedra que separan a zona peonil do viario tamén se saíron do seu aloxamento e do mesmo xeito ocorreu coas conducións. O mar tamén danou unha das bases de formigón sobre as que van ancoradas as varandas de aceiro e arrastrou varios metros o baño de madeira instalado no acceso á depuradora, que se desprendeu da súa base provocando danos nas tubaxes de abastecemento.

A situación obrigou aos operarios municipais ao acordoado da zona por motivos de seguridade e ao corte da auga. As ramplas de entrada aos areais de Patos tamén sufriron danos con varias táboas desprendidas e no porto dúas barcas auxiliares foron arrastradas pola ondada practicamente ata o paseo.