Detidas dúas persoas na provincia de Pontevedra relacionadas co tráfico ilegal de aves rapaces protexidas

O Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra no marco da Operación “Pihuela”, detivo a dúas persoas veciñas de Cambados, resultando ademais investigadas outras cinco, con residencia en Vigo, Marín e Salamanca, como supostos autores de delitos relativos á protección da flora e a fauna, por posuír ou traficar con aves rapaces protexidas, así como pola posible comisión dun delito de estafa derivado do seu ilícito comercio, pola posterior venda de exemplares destas especies a compradores que de boa fe adquiren estes especímenes protexidos da fauna silvestre, na crenza de que se atopaban legalmente documentados e procedían de cría legal en catividade.

Así mesmo son presuntos autores dun delito continuado de falsidade en documento oficial, dáse a circunstancia que o líder da trama resultou condenado con data 21 de xaneiro de 2.021 entre outras penas, á de inhabilitación especial para a explotación e cría de aves rapaces durante 3 meses e 10 días.

Para obter as aves rapaces do medio silvestre, como gavilanes, peneireiros, azores, bufos reais e aguias rateiras, extraían os pitos dos seus niños no medio natural, nas súas primeiras semanas de vida, e a continuación, colocábanlles argolas identificativas doutras aves da mesma especie anteriormente falecidas, ou ben “dobraban” argolas doutros exemplares vivos. Estas argolas teñen que colocarse nas primeiras semanas de vida, xa que o rápido crecemento destas aves impide a súa colocación con posterioridade.

As actuacións deron comezo no ano 2020, tras o achado dun peneireiro mal ferido entregado por membros de Protección Civil de Caldas de Reis, e as indagacións posteriores tiveron como resultado, que o seu perfil xenético non coincidía cos datos obrantes na súa argola de identificación.

Na entrada e rexistro practicada, ademais dos axentes do SEPRONA, participaron funcionarios adscritos ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo, pertencente á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, entre os que se atopaba un biólogo, cuxa presenza foi fundamental, á hora de datar as aves que alí se atopaban.

Detectáronse un total de 41 especímenes cuxa tenencia resultou ilícita, de acordo co Regulamento 338/97 de aplicación da Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres (CITES), destacando o achado de 14 exemplares entre gavilanes comúns, peneireiros, azores, un bufo real e un ratoneiro común, todos eles cadáveres conxelados, e coas patas seccionadas ou carentes da súa argola identificativa, para así facilitar o uso fraudulento de argolas de animais mortos, para documentar outros expoliados no medio natural.

Interveuse tamén numerosa documentación que permitiu relacionar a outras persoas con estas prácticas delituosas, nas provincias de Pontevedra, e Salamanca, así como en Portugal. As dilixencias instruídas foron entregadas no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número Un de Cambados e as aves incautadas na súa maioría foron entregadas no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade (Pontevedra).