O IEM pecha o ciclo “Co mar de fondo” cun faladoiro sobre a talasonimia do mar da Guarda

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Ondas na Concheira.

O próximo xoves día 24 ás 20:00 horas no local do IEM en Gondomar, péchase o ciclo “Co mar de fondo” co faladoiro de Xoaquín Cadilla “O Balueiro” sobre a Talasonimia do mar da Guarda e outros bens inmateriais da tradición mariñeira guardesa. Xoaquín Cadilla e patrón de pesca, poeta, presidente de Orpagu e da asociación O Piueiro, que traballa a prol da recuperación do patrimonio etnográfico da cultura mariñeira da Guarda.

Recuperaron o volanteiro que leva o nome da asociación, embarcación tradicional desaparecida dos peiraos, e que grazas ao traballo dun fato de mariñeiros xubilados e a punto de xubilarse, xunto con outras persoas que se sumaron a seu devezo, conseguiron botar ó mar esa embarcación tradicional e dala a coñecer ás novas xeracións, con navegacións perante todo o verán con escolares, turistas e público en xeral.

Participando en encontros de embarcacións tradicionais en Galicia, o País Vasco e Portugal, e recuperando todos os saberes que van ligados ao mundo do mar para que non se perdan e se poidan transmitir ás novas xeracións.

Entre eses saberes está o da talasonimia, os nomes do mar, as pedras, os pesqueiros e toda a toponimia costeira e as historias de vida de mariñeiros e xentes ligadas ó mar, dos que nos falará este xoves ás 20:00 horas na Aula de Cultura Ponte de Rosas en Gondomar. Presentará o acto Xosé Lois Vilar, vicedirector do IEM.