Interceptan a un veciño de Gondomar que circulaba en sentido contrario pola A-

O pasado sábado recibíronse chamadas de diferentes usuarios á central COTA do Subsector de Tráfico de Pontevedra, informando que un vehículo circulaba en sentido contrario na autovía A-55, sentido Tui polos carrís sentido Vigo, entre o Polígono de As Gándaras e o núcleo urbano do Porriño.

Pasouse aviso ás diferentes patrullas en servizo, próximas á zona, tanto da Garda Civil de Tráfico, como de Seguridade Cidadá, sendo interceptado á altura do km. 17, no Porriño, por unha patrulla do Posto da Garda Civil de Mos, mostrando o condutor evidentes síntomas de atoparse baixo os efectos de alcol. Instantes despois chegou ao lugar o Equipo de Atestados do Destacamento de Tráfico do Porriño, realízaselle a proba de alcol ao condutor, un veciño de Gondomar, de 41 anos, que supera en aire expirado tres veces máis que a taxa máxima permitida. Así mesmo na proba de drogas, dá positivo indiciario en THC e anfetaminas, pendente de confirmación por laboratorio.

Polo Equipo de Atestados do Destacamento de Tráfico do Porriño instrúense dilixencias polos supostos delitos de condución temeraria e condución baixo os efectos do alcol e/o as drogas, cuxas dilixencias serán entregadas no Xulgado de Garda da localidade do Porriño.

O condutor, de ser considerado culpable pola Autoridade Xudicial dun delito de condución baixo os efectos do alcol, podería enfrontarse a penas de prisión de tres a seis meses ou coa de multa de seis a doce meses ou coa de traballos en beneficio da comunidade de trinta e un a noventa días, e, en calquera caso, coa de privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos. Doutra banda, o delito de condución temeraria, o outro polo que se investiga ao implicado, castígase no artigo 380 do Código penal con penas de prisión de seis meses a dous anos e privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata seis anos.

Desde o Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra quérese agradecer á cidadanía, a colaboración que realizan ao advertir coas súas chamadas de todas aquelas conducións irregulares que observan, xa que pode con iso evitarse situacións de risco para a seguridade viaria.