Serviocio advirte que seguirá coas medidas de aforro ata que a Mancomunidade ofreza “unha solución real e axeitada”

Serviocio, xestora da Piscina Mancomunada do Val Miñor, quere aclarar diferentes informacións aparecidas nos pasados días tanto en medios de comunicación como en redes sociais. A falta de ingresos derivada da pandemia unida á non recuperación do volume de socios xunto co incremento desorbitado dos prezos da enerxía, provocou que o centro deportivo acumule perdas desde marzo do 2020 a setembro de 2022 de 727.000 euros.

Amparándose na lexislación, a empresa exerceu en xullo de 2020, o dereito para solicitar un reequilibrio por lucro cesante, como fixo ante os concellos onde xestiona centros deportivos de carácter público, para desta forma reducir o impacto económico negativo que os peches pola COVID-19 provocaron. Este reequilibrio foi recoñecido polo que, a Mancomunidade, estaría obrigada a outorgar a Serviocio unha cantidade próxima a 40.000€. A lexislación ofrece á entidade pública a opción do pago directo desta cantidade ou unha compensación equivalente a través de días de prórroga unha vez finalice o contrato. A Mancomunidade elixiu esta segunda opción, cifrando a contraprestación en nove meses máis de prórroga de contrato.

Con esta situación como contexto e ante a falta de ingresos, Serviocio viuse obrigada a tomar medidas respecto diso, para tentar minimizar as perdas. Entre esas medidas de aforro, como a baixada da temperatura da auga da piscina a 25 graos (temperatura que está dentro dos límites da normativa vixente). Esta circunstancia foi trasladada á Mancomunidade así como unha proposta de solución que beneficiase a todas as partes: Serviocio comprometíase a non aplicar as medidas de aforro e a Mancomunidade para descontar a cantidade recoñecida de 40.000€ de lucro cesante ao canon ao que está obrigado Serviocio, no canto de prorrogar o contrato.

Ademais, a Mancomunidade comprometeríase a redactar o prego dun novo concurso de contratación en tempo e forma, de maneira que a relación entre ambas as dúas entidades finalizase en maio de 2023 tal como marca o actual contrato. Tras diversas reunións, a Mancomunidade non aceptou a solución proposta nin tampouco ofreceu alternativas, perpetuando desta forma o problema para todas as partes. É máis, se a mancomunidade non redactase o prego en tempo e forma, Serviocio deberá xestionar unha instalación non rendible e deficitaria ata agosto de 2024.

Serviocio lamenta esta circunstancia e o deixamento da Mancomunidade na posta en marcha dos traballos para a redacción dun novo prego de contratación que permita unha licitación á que diferentes operadores deportivos poidan concursar. Ata que a Mancomunidade do Val Miñor non ofreza unha solución real e axeitada para todas as partes, Serviocio terá que continuar coas medidas de aforro implantadas para poder seguir ofrecendo o servizo, non incrementar aínda máis as súas perdas e manter o emprego.