O PP de Gondomar denuncia “deficiencias construtivas” no parque canino

O parque canino de Gondomar volve ser noticia. O Partido Popular denuncia “deficiencias construtivas” ao non executarse conforme ao proxecto aprobado no seu momento, “quedando obras sen realizar a pesar de ser abonadas polo Concello”. “As choivas caídas estes días lévanse parte do parque, arrastrando as terras cara ao río, quedando o peche da zona dos cans coas cimentacións ao aire”, advirte Paula Bouzós.

En setembro do ano pasado a voceira do Partido Popular de Gondomar presentou un escrito no Concello de Gondomar demandando do alcalde que se fixeran as xestións necesarias para comprobar o pago de obras non realizadas no parque lúdico e canino por un importe superior aos trinta mil euros, entre as que se atopaban a construción dun muro de contención na parte máis próxima ao río. “A non realización deste muro trouxo consigo que coa aparición das primeiras choivas a terra do parque acabe no río, como ocorreu a comezos deste mes e que este venres se volveu repetir”.

A voceira do PP gondomareño volve recordar o que leva afirmando en toda esta lexislatura sobre este goberno municipal, “que se caracteriza por gobernar por impulsos e ocorrencias e sen ningún control sobre as obras que executa”. Paula Bouzós volve insistir que os veciños teñen outras necesidades máis importantes que un parque canino, “pero que si o goberno municipal considera que esta obra era necesaria, o mínimo que ten que facer é un control das obras que se executan para que despois non teñamos estas consecuencias que ao final quen as pagan son todos os veciños de Gondomar”.