
O Concello de Nigrán investirá 373.708 € a cargo do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra na remodelación da praza da nova Biblioteca Municipal para estender o uso sociocultural a este gran espazo público de 2.958 m2 totalmente infrautilizado e coa superficie en moi mal estado. A obra, cun prazo de execución de 7 meses, saíu onte a licitación e o proxecto está firmado polos mesmos arquitectos da Biblioteca, Estudio Gándara#Pons, co obxectivo precisamente de darlle continuidade e homoxeneidade ao deseño e complementarse ambos lugares nos seus usos.
“A praza da Biblioteca, pese a ser moi grande e estar en pleno núcleo urbano de Nigrán, é practicamente descoñecida para a veciñanza porque non resultan visibles o seus accesos e, tal e como está conformada, non invita a pasar o tempo de lecer alí, así que o que pretendemos é revitalizala e recuperala cunha intervención sinxela para facilitar usos socioculturais e dos propios negocios que acolle e que resulte un lugar amable, 100 % accesible e que dea resposta ás necesidade dos nenos”, explica o alcalde, Juan González. “O obxectivo final é que a veciñanza redescubra esta gran praza, darlle unha nova vida e que co novo deseño forme unha simbiose perfecta coa Biblioteca e os seus usos”, conclúe.
A intervención comprende un redeseño dos itinerarios peonís e a situación dunha bancada inserta no actual manto vexetal da zona noroeste aproveitando o salto de cota (ao carón da Biblioteca). Esta nova bancada lonxitudinal estará orientada cara un espazo central na praza que será unha fonte lúdica con 9 chorros para o xogo infantil pero que, ao mesmo tempo, se adaptará perfectamente como escenario natural ao aire libre para posibles actuacións ou contacontos. Paralelamente, e tamén aproveitando o forte desnivel, instalarase un tobogán de aceiro inoxidable ao lado das novas gradas. Co fin de complementar o equipamento para os máis pequenos tamén se prevé no lateral este 3 camas elásticas enrasadas coa superficie e un área de rectangular de montículos de caucho. Ademais, a remodelación inclúe unha calistenia para facer exercicio físico ou un recuncho especial para o “book-crossing”.
Coa remodelación búscase abrir visualmente a praza á cidadanía e integrala coa Biblioteca, polo que se expón pavimentar en pedra o acceso desde Estrada pola Vía, tal e como está actualmente circundando o edificio, e no eixo central proxéctase chan de formigón pulido con franxas de céspede. A actual escaleira que baixa á praza se modificará por unha de maiores dimensións que continúe co itinerario peonil. Para rematar a actuación neste sentido de outorgarlle maior accesibilidade, rediseñarase a rampla noreste e farase a beirarrúa máis ampla. Ademais, outra parte da superficie será repavimentada con placas de formigón e zonas de lastra intercalando céspede, para crear así espazos diferenciados e reducir a sensación de “aridez” fronte a un lugar máis amable.
Finalmente, renovaranse os colectores de pluviais deteriorados, todo o mobiliario urbano (papeleiras, bancos e aparca-bicis), outorgaráselle iluminación ornamental ás novas zonas e aumentarase a vexetación complementándose con novas especies de pequeno porte e plantas tapizantes.
“Queremos que os usuarios da biblioteca teñan aquí o lugar idóneo para sentarse a ler un libro ou facer un descanso no estudo, pero que tamén poida ser un lugar perfecto para organizar un contacontos ao aire libre ou vir en familia a tomar un café ou para xogar os nenos”, explican os arquitectos Juan Pons e Lucas Gándara.