Marcos García e Bernat Tarrés prolongan a súa vinculación co Vigo-Rías Baixas

O Vigo-Rías Baixas segue perfilando o seu persoal para o 2023. Despois de anunciar a fichaxe do estadounidense Keegan Swirbul e catro renovacións, a estrutura presidida por José Luis Chamorro pechou a continuidade de dous corredores sub23. O segoviano Marcos García e o barcelonés Bernat Tarrés volverán defender a camisola flúor o próximo ano.

Para ambos os dous ciclistas será a súa terceira tempada no pelotón Elite-Sub23 e a segunda na escuadra olívica. Marcos García recalou no Vigo-Rías Baixas o pasado inverno para conseguir, a base de regularidade, converterse nun habitual nas aliñacións para as carreiras de maior nivel. Unha fractura de clavícula sufrida a finais de xullo na Volta a Madrid privoulle de terminar a campaña como lle gustaría.

“O meu primeiro ano no equipo sorprendeume para ben. O staff e os compañeiros fixéronme crecer como corredor e persoa”, indica o castelán-leonés, que cataloga o seu 2022 como “bastante bo. Estou agradecido polo calendario que me deron, xa que tiven a gran sorte de participar na maioría de probas importantes. As sensacións foron boas, axudando ao equipo e progresando respecto a tempadas anteriores”.

A Volta a Madrid foi a última carreira que disputou Marcos García e a primeira para Bernat Tarrés coas súas novas cores. O ciclista da comarca de Berguedà incorporouse durante o pasado verán ao Vigo-Rías Baixas, completando un intenso final de calendario. Entre outras roldas por etapas participou na Volta á Illa de Tenerife, onde celebrou a vitoria flúor na contrarreloxo por equipos inaugural.

O catalán admite que “non mo pensei moito para renovar porque estou nun equipo potente do campo amateur, con moito calendario”. O seu principal obxectivo para o 2023 vai ser “dar un paso adiante, tanto a nivel persoal como para axudar máis aos meus compañeiros. Formar parte dun proxecto tan consolidado representa unha oportunidade moi boa. Vou traballar para aproveitala”.

Durante as últimas semanas tamén prolongaron a súa vinculación co Vigo-Rías Baixas os elites Noel Martín e Asier González, e os sub23 Cristino Lanchas e Martin Barrero. Ao capítulo de renovacións, que aínda non se pechou, hai que sumar a chegada de Keegan Swirbul, procedente do Human Powered Health profesional. O norteamericano encabeza a ampla nómina de reforzos na que traballa a dirección do club.