Gran xornada para o Turonia GFG

Gran xornada para o Turonia GFG no Campo da Gándara de Chaín en Gondomar. Os dous equipos de fútbol gáelico gondomarense impuxéronse con firmeza.

Pola banda feminina, as rapazas proclamáronse campioas do I Torneo Terra de Turonia, con algunha xogadora de apoio de outras escuadras. Unha xornada de competición non ao uso onde se enfrontaron ao groso dos equipos femininos galegos: Irmandinhas da Estrada, Fillas de Breogán da Coruña, Herdeiras de Lalín, Auriense de Ourense, Estrela Vermelha de Santiago e Independente de Vigo. Logo dunha fase de liguiña onde as locais conseguiron chegar con folgura á final impuxéronse nela fronte ás poderosas e actuais campioas da Liga Galega feminina do Estrela Vermelha por 7 a 4 puntos. Un torneo que valeu para entoar ás turoniás e preparar a competición oficial que xa se está a disputar no formato da Liga Galega, na que as de Gondomar fican na segunda posición empatadas a puntos coas primeiras do Estrela Vermelha.

Pola banda dos rapaces, estes tamén se impuxeron na 3ª xornada da Liga masculina, desta volta á amalgama conformada polo Lume de Beltane de Poio xunto cos rapaces do Independente de Vigo. Foi un partido igualado na primeira metade, pero na segunda parte os gondomarenses apertaron e conseguiron dobregar un duro Independente de Beltane, que xa non puido continuar co ritmo imposto polos do Turonia, chegando a un marcador final de 39 – 7. Isto consolida aos de Gondomar nos postos altos da clasificación da segunda división, mantendo intactas as posibilidades do ascenso directo ou de xogar a promoción.

A progresión do fútbol gaélico no Val Miñor afiánzase grazas ás novas fornadas de rapaces e rapazas que chegaron para nutrir as filas do Turonia esta tempada. Seguen abertos para toda aquela rapazada que se anime probar este marabilloso e distinto deporte. Os interesados en probar poden contactar co club a través das súas redes. Adestran no Campo de Chaín en Gondomar, luns e mércores de 21.30 a 23:00 horas.