Nigrán celebra un pleno infantil para conmemorar o Día Mundial do Neno e a Nena

O Concello de Nigrán acolleu este viernes unha sesión plenaria especial protagonizada polos nenos e nenas de Nigrán a través do Consello de Participación Infantil e Xuvenil municipal. Este foi o acto central da localidade coincidindo coa efeméride o domingo 20 de novembro do Día Mundial do Neno e a Nena, nunha semana na que ademais 10 membros do Consello acudiron ao Parlamento de Galicia acompañados do alcalde e as edís de Educación, Igualdade e Servizos Sociais para participar tamén nunha sesión similar con representantes de consellos de 11 municipios de toda a comunidade.

A vintena de nenos e nenas, dos diferentes centros educativos da localidade, expuxeron as súas preocupacións ante o alcalde, as concelleiras de Educación e de Servizos Sociais, unha voceira das ANPAS e público.

As peticións da rapazada centráronse na súa preocupación polo medio ambiente e a saúde mental. Neste sentido, propuxeron que nos centros educativos os baños sexan sen identificación de xénero e que exista a figura dun coordinador de Benestar para previr o acoso. Igualmente, incluíron peticións como maior flexibilidade á hora de outorgar bolsas (no sentido de que se prime o esforzo e non só o resultado numérico da avaliación), límites drásticos no consumo de auga por persoa, subida de impostos aos máis ricos ou potenciar espazos para a mocidade e a infancia. Os representantes do CEE Juan María realizaron a petición concreta de habilitar na nova Biblioteca un apartado de libros deseñados segundo o método de “Lectura Fácil”, cuestión que o alcalde se comprometeu a realizar. Igualmente, desde as ANPAS centraron a súa exposición na preocupación pola saúde mental dos nenos.

A xornada rematou coa lectura do manifesto sobre saúde mental que o martes leron no Parlamento de Galicia.