Gondomar inicia un estudo pormenorizado da situación das comunidades de usuarios de augas

O Concello de Gondomar e COXAPO (Asociación de Traída de Augas), realizarán un estudo da situación de todas as comunidades de usuarios de augas de Gondomar, tal e como acordaron o alcalde, Paco Ferreira, e o presidente da asociación, Joaquín Pousa. Este estudo comezará coa realización por parte do Concello dunha analítica completa da calidade da auga de cada unha das comunidades, co fin de establecer un punto de partida en canto ao seu uso e consumo.

Analizaranse ademais dos parámetros básicos, a posible presenza de Aluminio ou o Radón, dous dos elementos máis presentes nas augas da contorna e que limitan o seu uso para o consumo humano. Con esta primeira acción o Concello de Gondomar pon o foco na necesidade de garantir a total potabilidade das augas para a protección da saúde dos usuarios.

Unha vez obtidos os resultados destas analíticas serán os técnicos de COXAPO os que asesoren ás directivas das diferentes comunidades de augas sobre os pasos a seguir e as medidas a realizar en cada caso. Paralelamente a este traballo de análise e asesoramento, o Concello continuará co traballo xa iniciado de inventariado de todas as redes de captación, subministro e acumulación, de cada unha das comunidades, para así poder expoñer as necesidades e demandas necesarias.

O alcalde Paco Ferreira sinalou que “unha vez teñamos unha foto clara da situación de cada unha destas comunidades, e das súas instalacións, poderemos utilizala para definir de mellor xeito as bases da convocatoria de axudas que imos lanzar, e na que xa estamos traballando dende hai tempo, co obxectivo de que todas as persoas usuarias destas redes veciñais poidan ter o mellor servizo posible”.