Baiona inaugura a exposición “Afinidades Divesas”

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona inaugurou na tarde deste venres no Multiusos Mercado de Sabarís a exposición “Afinidades Divesas”. Ao acto acudiu o Alcalde, Carlos Gómez Prado, a Concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas, o Alcalde de Pornic, Jean Michel Brard, e as concelleiras francesas Marie-Paul Marié e Florence Gendrot, xunto coa presidenta da asociación do irmandamento “Jumelage”, Marie-Agnès Morice, así como as artistas protagonistas da mostra e outros representantes da asociación.

Despois da benvida de cada un dos representantes institucionais, Yasmina Moreira Costas fixo entrega duns agasallos institucionais encargados pola Concellería de Igualdade á artista de Baiona, Irene Silva, quen deseñou e realizou unhas obras en exclusiva para facerlle entrega á delegación francesa de Pornic que fixo posible a exposición e o encontro coas artistas “Afinidades Diversas”. O agasallo de recordo deste bonito intercambio cultural é unha silueta da deusa Atenea Guerreira de cor lila así como un gravado postal da mesma deusa.

Este ano a Concellería de Igualdade do Concello de Baiona aproveita o aniversario co irmandamento con Pornic, para abrir o círculo e integrar a mirada de artistas francesas, as cales forman parte da programación, non só expoñendo as súas pezas, senón tamén dirixindo obradoiros para o alumnado dos centros educativos baioneses.

Entre as actividades estrela desta edición 2022 atópase esta exposición. Anne Malgogne Dumesnil “Amodu”, Brigitte Darras Dit “Bivan”, Fabbienne Alliou-Lucas, son as artistas francesas que xunto ás artistas baionesas Irene Silva, Mar Caldas e Elvira Jardón expoñen os seus traballos ata o 27 de novembro no Multiusos Mercado de Sabarís, podendo visitarse os sábados de 16:30 a 19:00 horas e os domingos de 16:30 a 19:30 horas, unha oportunidade moi valiosa para tecer lazos e traballar en proxectos comúns no futuro. (Para visitas grupais concertar cita no teléfono 620065056).

A mostra fala de mulleres: mulleres que sofren violencia; mulleres que son libres e poderosas grazas ao seu traballo; mulleres que rompen cos estereotipos marcados pola sociedade patriarcal; mulleres fortes que loitan pola súa dignidade e por ocupar espazos que lle foron negados. Mulleres protagonistas de historias sendo retratadas por outras mulleres.

“Había un amplo abano de posibilidades e de accións a levar a cabo, pero como punto de partida para esta nova aventura, quixemos replicar a intención daquela viaxe de artistas e sumarlle algo máis, decidimos enfrontar as miradas, no mellor sentido da palabra, de mulleres artistas de Pornic e de mulleres artistas de Baiona e a súa contorna enmarcándoas dentro do Novembro Lila. É moi interesante analizar a mirada sobre a mesma problemática dende dúas culturas diferentes”, destacou a Concelleira de Igualdade.

Moreira Costas detallou que “esta exposición é un punto de partida de cara a un futuro, somos ambiciosas e estamos convencidas de que con esforzo e traballo conseguiremos grandes cousas. Neste aspecto quero agradecer profundamente ás mulleres da Asociación do Jumelage, Agnes, Dolores, Josienne, Hilary, etc. E tamén ás miñas homólogas Marie-Paul e Florence pola implicación amosada e o traballo ben feito até o momento. Foi un pracer contar convosco e de seguro será unha fermosa aventura traballar da vosa man en futuros proxectos”.

Entre as persoas asistentes ao acto tamén acudiron membros da Corporación do Concello de Baiona e representantes de distintas asociacións baionesas e a delegación francesa de Pornic, de visita estes días en Baiona con motivo dos actos de conmemoración do 25 Aniversario do Irmandamento entre as dúas localidades.