O Vigo-Rías Baixas estreará a nova normalidade en Zamora

O Vigo-Rías Baixas xa ten data para retomar a defensa do seu liderado individual e por equipos das clasificacións da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC). A Volta a Zamora confirmou que se disputará nas datas previstas, do 14 ao 17 de xullo, e coa 37ª desta rolda renovarase o calendario estatal Elite-Sub23. A entidade presidida por José Luis Chamorro leva participando ininterrompidamente desde 2013 nunha das citas máis esixentes para o pelotón amateur.

“Todo vai segundo o previsto e a Volta a Zamora 2020 sairá adiante nas datas establecidas”, asegura Manuel Campesino, organizador da carreira. “Debemos cumprir unha serie de requisitos para protexernos da pandemia que nos afectou, pero estamos preparados para implementar esas medidas sanitarias xa que o desexo de todos, tanto organización como equipos, é que se leve a cabo a competición”.

Campesino fai fincapé na natureza da proba como o retorno da actividade competitiva a nivel estatal: “Temos a responsabilidade de ser unha das primeiras carreiras federadas que se celebrarán tras este parón. Desexamos ser unha referencia para que ao longo da tempada poidan celebrarse moitas máis probas”.

Os catro días de competición da Volta a Zamora inclúen un prólogo inaugural, de 3,4 quilómetros en Villardeciervos, e tres xornadas en liña (Hotel Casa Aurelia – Roales 141,3 km; Mombuey – Alto de Aciberos 139 km; e Mahide – Viñas 131,6 km), das cales dúas concluirán no alto. As etapas máis duras acumúlanse nos últimos días, polo que nada estará decidido ata o final do cuarto e último día.

Dúas clásicas

A estas catro xornadas da Volta a Zamora hai que sumar as dúas clásicas zamoranas que se aprazaron no mes de marzo. Ambas se disputarán nos días posteriores á volta. O 18 de xullo será a quenda do Clásica Concello de Zamora (81,5 km) e o 19 de xullo o Trofeo San José “Gran Premio Caja Rural” (155 km). As seis xornadas de ciclismo están organizadas polo C.D.C Zamora.

“Teremos unha semana moi interesante de ciclismo. O percorrido está exposto con vistas a que será unha das primeiras competicións para os ciclistas”, continúa Campesino. “A Volta a Zamora comeza con dúas etapas chairas e levadías para buscar a dureza nos seus últimos días. O sábado teremos o Clásica Concello de Zamora, onde de novo os homes rápidos terán a súa oportunidade. Concluiremos o domingo coa Clásica San José, co seu clásico percorrido rompepernas”, analiza o organizador.

Mauricio Moreira, xefe de filas do Vigo-Rías Baixas, chegará á continuación do calendario encabezando o clasificación Elite da RFEC e o seu equipo á fronte da clasificación por escuadras. O director deportivo Marcos Serrano e os seus pupilos empezaron a preparar de maneira conxunta o regreso da competición e o pasado sábado realizaron o primeiro adestramento colectivo.

Anuncios