O Chuvi leva realizadas medio cento de intervencións de obesidade co robot Da Vinci

Con motivo do Día Mundial da Loita contra a Obesidade, o servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva da Área Sanitaria de Vigo deu a coñecer hoxe os últimos datos de actividade relacionados coa abordaxe cirúrxica desta patoloxía. Así, desde que hai un ano se iniciara o programa de cirurxía bariátrica robótica do Chuvi, este servizo leva realizadas un total de 50 intervencións co equipo robótico Da Vinci, o 40% do total das cirurxías da obesidade.

Neste contexto, estes días o servizo está impartindo un Curso Internacional de Cirurxía Bariátrica, no que 5 especialistas de Polonia e Italia, están aprendendo as técnicas laparoscópicas empregadas no Álvaro Cunqueiro como as de porto único ou de portos reducidos; isto é, aquelas minimamente invasivas nas que se realiza a cirurxía a través do ombligo (e non deixa cicatriz).

Cirurxía robótica como tratamento da obesidade

O uso da cirurxía robótica para a abordaxe da obesidade mórbida permite aos cirurxiáns acceder á cavidade abdominal a través de pequenas incisións na pel, evitando desta forma os riscos e secuelas das grandes incisións, e sendo o bypass gástrico a técnica máis frecuente.

Segundo explica a xefa do servizo de Cirurxía Xeral da Área de Vigo, Raquel Sánchez, “este procedemento consiste na redución do tamaño do estómago, para logo conectalo directamente a un tramo máis adiantado do intestino delgado, de xeito que só se utiliza un 60% do mesmo para a absorción dos alimentos. Conseguiremos que o paciente síntase saciado con pouca inxesta de comida, ao tempo que a absorción de graxas sexa menor. Como consecuencia, se producirá un cambio no metabolismo que lle axudará a aproveitar mellor os alimentos e queimar o exceso de graxa”.

Vantaxes para o paciente

Co emprego do sistema robótico da Vinci, a máis avanzada tecnoloxía en cirurxía robótica, pódense obter numerosos beneficios neste tipo de intervencións, tanto para o paciente como para o cirurxián.

A Dra. Sánchez Santos comenta que algunhas das vantaxes para o cirurxián é a forza e a precisión nos movementos que aporta o robot en pacientes que sofren superobesidade mórbida, onde a parede abdominal é moi grosa, polo que cómpre realizar máis esforzo para utilizar o instrumental cirúrxico.

Respecto aos beneficios para os pacientes, esta cirurxía é efectuada de forma minimamente invasiva e con gran precisión; polo que reduce de xeito importante o tempo de ingreso, permitindo ao paciente renovar en poucos días a súa vida habitual; diminúe a dor postoperatoria e o risco de infeccións ou de reintervencións.

Vigo, 120 cirurxías bariátricas

Esta cirurxía está indicada naqueles pacientes con obesidade mórbida nos que fracasaron tratamentos previos. A maior parte dos obesos que se someten a esta intervención pesan entre 120-190 quilos. Anualmente, na Área Sanitaria de Vigo realízanse unhas 120 intervencións deste tipo.

Trátase dunha operación complicada, polo que os criterios de selección dos pacientes son moi rigorosos, cun protocolo estrito no que se valora, ademais do seu estado físico, o psíquico, o seu nivel de comprensión e o seu compromiso de colaborar no seguimento posterior, xa que son pacientes que despois da intervención están obrigados a observar uns coidados serios e uns hábitos de vida saudables.

Os resultados que se logran con estas intervencións son moi satisfactorios xa que o 80% dos pacientes perden o peso que necesitan para mellorar as súas morbilidades e calidade de vida.