A CEMMA de Nigrán confirma que o arroaz CONFI xa non ten o arpón no seu costado

A Rede de Varamentos de Galicia – REVARGAL, xestionada pola CEMMA, leva activa dende 1990. Nos máis de 30 anos de experiencia atendéronse a máis de 8000 casos de varamentos de tartarugas, mamíferos mariños e outras especies mariñas, dos que 788 estaban aínda vivos. No caso dos 518 cetáceos varados con vida, se manteñen unas condicións mínimas, a única opción viable é a reintrodución no mar e aínda así o 53% dos casos sobreviviron. No caso dos lobos mariños recolléronse 73 vivos sobrevivindo un 70%. No caso das tartarugas mariñas con 129 exemplares vivos sobreviviron un 74 %. Actualmente a REVARGAL conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica, financiado pola Unión Europea- NextGenerationEU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), e da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

Cetáceos varados vivos

Moitos dos exemplares que chegan vivos teñen que ser capturados para desprazalos a outras áreas e poder ser liberados (cetáceos) ou recollidos e tratados en rehabilitación en medio artificial controlado (tartarugas e lobos mariños). Nos últimos dous anos, 2021-2022, foron xestionados deste xeito un total de 57 cetáceos que se aproximaron á costa ou vararon vivos, algún deles precisando de ser capturados para a súa liberación. Destacables foron os operativos realizados en xullo e decembro de 2021, e en xullo de 2022 nos que foron recollidos e liberados un total de 12 exemplares.

Ademais, dende os anos 70 mantivemos presenza de arroaces solitarios que foron tratados, asistidos e custodiados, en diferentes momentos, polos equipos da CEMMA. Sendo os últimos casos, o de ENOL (1997) e GASPAR (2007-2010), os máis sonados. O equipo de asistencia a varamentos e o equipo veterinario da REVARGAL é o que ten máis experiencia, ao menos en toda a costa española, neste tipo de casos. Mantendo o asesoramento do Welfare and Conservation of British Divers Marine Life Rescue, do Centro de Recuperaçao da Fauna Marinha de Portugal-CRAM-Aveiro e do Arca do Mar do Oceanographic de Valencia.

Caso CONFI

CONFI é un arroaz solitario embaixador que vive na Ría de Muros dende 2019. Foi expulsado da súa manda, e por tanto viviu unha situación grave de estrés post-traumático que conseguiu superar e desenvolver a súa vida diaria cerca dos humanos. Esta situación cáusalle moitas distorsións no seu comportamento. A CEMMA leva investigando e facendo seguimento do seu caso dende que os navalleiros de Noia e Porto do Son alertaron da súa presenza. Dende o principio déronse recomendacións sobre que facer e non facer ás autoridades, profesionais do mar e público. A maior parte das recomendacións non foron seguidas, ben ao contrario, fíxose xusto todo ao revés do que debía facerse. A pesar da información pública, os bañistas e usuarios do litoral fixeron caso omiso das mesmas, non se dispuxo vixilancia, non se impuxeron multas a situacións punibles, nada das recomendacións básicas foron realizadas tendo como base da xestión este caso a omisión de accións.

Lamentablemente algunha información nos medios de comunicación propiciou o efecto chamada provocando un incremento da presión, e mesmo actividades ilegais, sobre o arroaz. A Confraría de Noia mantivo unha actitude moi digna recollendo información, dando formación aos seus usuarios e informando á Consellería do Mar. Os concellos da Ría e Protección Civil deron algo de información, como por exemplo a información recollida nos carteis divulgativos ao longo da Ría foron colocados coa colaboración de CEMMA, concello e Ministerio de Transición Ecolóxica, mais foi do pouco e limitado que se realizou. A CEMMA mantivo contacto directo con algúns profesionais do mar, dándolle recomendacións puntuais, das que algúns deles fixeron caso omiso mantendo contacto directo co arroaz. E chegamos á situación actual. A presenza dun arroaz solitario é molesta para un sector dos profesionais do mar.

A realidade é que no uso do medio absolutamente abusivo dende o punto de vista extractivo e recreativo, non queda sitio para a fauna mariña salvaxe. O sentido de propiedade de moitos humanos no uso do medio excede calquera cuestión razoable. Hai unha ausencia case absoluta de educación ambiental do medio mariño. Ausente dos currículos educativos e insuficiente na educación non formal por falta de suficientes apoios.

Operativos CONFI dende o día 30

Dende o primeiro momento os membros da REVARGAL estiveron presentes no Freixo horas despois do primeiro aviso da presenza do arpón no corpo de CONFI o día 30. Nun tempo record púxose en marcha o primeiro operativo para análise e recollida de CONFI en menos de 24 h, o día 31. Dende aquel momento realizouse unha monitorización diaria e cinco tentativas de aproximación, ademais dos citados 30 e 31, os días 1, 5 e 11. A análise do arpón indicou que a pesar da gravidade do feito, non afectaba a órganos vitais, que estaba cravado entre 12 e 20 cm coa morte aberta e discorría na área subcutánea da zona lateral esquerda dun xeito ascendente. A ferida non era mortal e non lle impedía a natación.

O seu comportamento viuse alterado en dous sentidos:

– Tentativa de sacarse el mesmo o arpón mediante roces contra estruturas duras e cabos.
– Afastamento do contacto humano retrotraéndose ás primeiras fases dos arroaces solitarios.

Nas consecutivas tentativas o afastamento de CONFI dos humanos foi máis evidente.

Dada a situación e imposibilidade de captura mediante acompañamento e cerco, decidiuse deixalo tranquilo para buscar unha situación máis idónea. Mantívose seguimento diario da súa presenza no Freixo e noutras partes da Ría. Dende o día 1 mantívose unha investigación paralela na liña de conseguir averiguar en que parte do porto durmía. Na mañá do día 15 recíbese a noticia de que o arpón non está presente cravado no costado. Posteriormente recíbese a mesma noticia por dous informantes máis dende diferentes puntos da ría sen que estes se coñeceran ou falasen. Púxose en marcha un operativo de seguimento que na tarde deste mesmo día mantivo unhas estreita monitorización no porto do Freixo ata as 18.00 h, tanto dende o mar como desde terra confirmouse a ausencia da varilla. Descoñecemos se aínda ten algunha parte metálica incrustada.

Durante os operativos realizados entre os días 1 e 5 houbo varios accesos de contacto coa varilla e mesmo tratouse de extraela con chave, en inmersión, non chegando ao obxectivo. Cabe a posibilidade de que esas tentativas de extracción debilitaran a articulación da morte e os golpes que CONFI daba de costado conseguiran desarticulala. No operativo do día 11 a varilla foi observada moi caída e oscilante, e non ríxida e penetrante como nos días anteriores. O debilitamento neses días e o constante roce puido facer caer o corpo principal do arpón. Queda constatar o aspecto da ferida ou averiguar, se permite un contacto físico, se ten algún resto de metal incrustado. En calquera caso non se proporía xa unha captura inmediata.

Denuncia do atentado

A CEMMA lamenta profundamente este atentado contra a vida do arroaz CONFI e anima aos colaboradores do principal implicado a denunciar esta actuación que non fixo máis que preocupar a grande parte da sociedade e empregar esforzos innecesariamente.

Desculpas

CEMMA quere pedir desculpas a CONFI en nome da humanidade boa e xenerosa, tamén polas molestias ocasionadas polas operacións realizadas no porto de Freixo e os seus arredores.

Cambio de paradigma

Neste momento, a situación de CONFI cambiou, cambiando o seu comportamento así como a percepción social dun golfiño solitario. Esperemos que a sociedade saiba entendelo e respectalo. Como CEMMA nunca o abandonamos e comprometémonos a redobrar os nosos esforzos na educación ambiental mariña, na procura da convivencia e na súa atención.

Agradecementos

A Protección Civil Concello de Outes, GES MUROS, Confraría San Bartolomé Noia, Seprona de Noia, Gardería de Medio Ambiente, Axente Medioambiental do MITECO, aos redeiros Félix e Fran, Centro Náutico Municipal do Freixo, Outes Fútbol Club, ao equipo 3-Tragsatec e ao apoio en kaiak de Xosé Lois. A todas as persoas que estiveron pendentes de CONFI e por suposto a todas as persoas que ofreceron a súa colaboración, participaron nos operativos ou manifestaron que podiamos contar con elas.