Baiona asfalta o Camiño dos Hermiles en Baredo

O Concello de Baiona está realizando o asfaltado do Camiño dos Hermiles en Baredo. O obxectivo da intervención é a mellora do camiño saneando os tramos que tiñan a superficie danada e aplicando unha capa nova de asfalto a todo o percorrido do mesmo. Así mesmo realizouse o rozado mecánico de cunetas e noiros por ambas as dúas marxes do camiño. Unha vez finalizados os traballos de pavimentación pintaranse os bordos de calzada con marca viaria para facilitar o tránsito.

O concelleiro de Urbanismo e Vías e Obras sinala que “trátase dunha actuación necesaria xa que o estado da pavimentación actual non era o axeitado, este viario é usado tanto para o acceso a leiras agrícolas como vivendas”. O concelleiro engade que “para conseguir financiamento para esta obra optamos por unha subvención dirixida á mellora de accesos a leiras agrícolas”.

Os traballos supoñen un investimento de 43.374,00 euros, financiándose con cargo a unha subvención do Plan Marco da Axencia Galega de Desenvolvemento do Medio Rural (Agader) e con fondos propios do Concello.

Pola súa banda o Alcalde, Carlos Gómez Prado, comenta que “é unha actuación de renovación en beneficio do tráfico rodado. Así, os veciños e veciñas desta zona de Baredo poderán gozar da mellora prevista co asfaltado deste viario”, e engade que “seguimos coa intención de poñer en valor as nosas parroquias, sempre co obxectivo de mellorar o día a día da veciñanza”.