Nigrán repetirá o mercado de Nadal “Bulebule” duplicando o número de postos de venda

A Praza Rosalía de Castro de Nigrán volverá ser a antesala do Nadal na comarca grazas ao mercado de inverno “Bulebule”. Esta segunda edición, organizada novamente entre o Concello e Brétema Studio, terá lugar do 16 ao 18 de decembro e ocupará toda a praza ao pasar dos 14 postos de venda de 2021 aos 36 deste ano, o máximo previsto. O evento volverá mesturar artesanía, gastronomía e marcas emerxentes con música en directo e obradoiros para nenos. Así, os concertos repetiranse en sesión vermú e de tarde-noite. Ao longo dos vindeiros días irán publicándose os horarios das actividades e o nome das empresas participantes a través da web http://www.bulebulenigran.es e as súas redes sociais.

“A proba do éxito do ano pasado é que neste esgotáronse as prazas para participar hai xa semanas. Queremos volver ofrecer un ambiente festivo no núcleo urbano ao tempo que dinamizamos o comercio da zona”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que a maioría dos vendedores son, precisamente, da comarca, e Brétema Studio está composto por dous mozos de Nigrán, Bárbara Ceballos e Mak Aguiar. “Bulebule Nigrán é un espazo onde hai cabida para todas esas mentes creativas que queren mostrar os seus produtos ao mundo, onde convive coas familias que veñen a pasar unha finde diferente, chea de diversión e actividades para todas as idades”, explican ambos.

Así, a estética do mercado volverá xogar un papel importante, con alumeado de Nadal e motivos referentes a esta data, ademais de presentar todos unha uniformidade e coherencia na decoración.