
O pazo provincial da Deputación de Pontevedra iluminarase a partir das 20.00h deste domingo 19 de novembro coas cores da bandeira transexual para reivindicar o Día Internacional da Memoria Trans. Concretamente tinguirase a fronte de cor branca e os laterais de azul e rosa.
O Día Internacional da Memoria Trans, celebrado dende fai anos cada 20 de novembro, está adiado á memoria de aquelas persoas que foron asasinadas vítimas da transfobia e do odio irracional debido o prexuízo daqueles que consideran que traspasar as fronteiras do xénero merece a morte e trata de poñer de manifesto a violencia que sufre a diario este colectivo.
Con esta acción, a Deputación de Pontevedra únese ás reivindicacións da Asociación ARELAS e Amizando, que velan polo respecto aos dereitos humanos das persoas trans, alzando a voz para criticar a situación de desigualdade e para visibilizar as inxustizas, as situacións de exclusión e os actos de violencia as que son sometidas as persoas trans.
Na edición de 2016, a xornada á que se une a Deputación de Pontevedra foi reivindicada en máis de 180 cidades e máis de vinte países de Europa, América do Norte, África e Oceanía.
Segundo a Plataforma Trans, o último “Observatorio de Persoas Trans Asasinadas 2017” recolle 2.343 homicidios de membros do colectivo acontecidos en 69 países no mundo entre o 1 de xaneiro de 2008 e o 31 de decembro de 2016. Neste último ano foron preto de 300 as persoas trans asasinadas das que se ten rexistro.