
Usuarias e usuarios da Piscina Mancomunada da Ramallosa concentráronse este mediodía na Praza do Concello de Baiona, coincidindo coa Xunta de Portavoces convocada de urxencia polo presidente da entidade supramunicipal e alcalde de Nigrán, Juan González, coa proposta de abrir xa un expediente sancionador á concesionaria, Serviocio, ante a nova baixada da temperatura da auga. Os asistentes son nomeadamente persoas maiores que fan natación como medida terapéutica, que entregaron reclamacións ante a empresa e que van trasladar tamén ao servizo de consumo da Xunta de Galicia.
Na resposta ás reclamacións anteriores que as persoas usuarias están a recibir, a empresa manifestou que establece a temperatura en 25 graos, o límite máis baixo permitido na normativa vixente, polos elevados custes enerxéticos que soporta e que están a provocar unha situación de grandes perdas. Indica tamén que, de verse obrigada a subir a temperatura da auga, tería que tomar outras medidas máis drásticas.
O presidente da Mancomunidade, Juan González, advertiu á concesionaria que “de non liquidarse o problema de maneira inmediata e duradeira, a Mancomunidade verase no deber de ter que tomar outro tipo de medidas”. “Non imos permitir que a empresa reitere nesta acción que prexudica claramente á calidade do servizo. En setembro xa o fixeron e depuxeran a súa actitude despois de advertirlle as consecuencias e, desde esta semana, temos máis de 50 queixas de usuarios”, recoñece González, quen indica que “roza o mínimo legal permitido dos 25 graos”.
Paralelamente, a Mancomunidade ten en marcha un expediente para non prorrogar a concesión da piscina a Serviocio máis aló de maio de 2023, data na que expira, precisamente pola súa deficiente xestión. Con este obxectivo, contratouse á empresa Into Galicia Consulting para realizar unha auditoría técnica, económica e laboral e unha memoria xustificativa e prego de prescricións para a futura licitación.
“Non imos pasar por alto a situación. A calidade deste servizo público básico para a saúde de moitas persoas non pode ser deficiente e con esa temperatura da auga manifestan que é imposible realizar exercicio”, insiste González.