O Monte Real Club de Yates é distinguido coa cruz do mérito náutico deportivo

O Monte Real Club de Yates acaba de ser distinguido coa cruz do mérito náutico deportivo que anualmente concede a Liga Marítima Española Deportiva (Federación Española de Ligas Navais). “O compromiso, a tenacidade, o liderado e un traballo exemplar para a sociedade” foron algúns dos aspectos valorados á hora de conceder ao club baionés esta distinción, que premia, segundo reza o ditame, unha “traxectoria profesional exemplar”.

Este novo recoñecemento chégalle ao Monte Real Club de Yates nun dos anos máis prolíficos das últimas décadas, no que non só albergou as prestixiosas TP52 SUPER SERIES, senón que tamén se encargou de organizar o Campionato de España de J80, o Campionato de España de Cruceiros e a Final da Liga Nacional Feminina de Vela, ademais de todas as regatas incluídas no seu habitual calendario deportivo, entre as que destacan o Trofeo Príncipe de Asturias, cos Premios Nacionais de Vela; e o Trofeo Conde de Gondomar.

As súas actividades de vela inclusiva e adaptada (para mulleres vítimas de violencia machista, persoas con diversidade funcional, nenos tutelados e nenos con problemas de conduta) e o seu proxecto de “Vela en feminino” que desde hai anos busca impulsar á muller no mundo da vela, foron outros dos aspectos valorados á hora de outorgarlle ao club este recoñecemento.

O presidente do MRCYB, José Luis Álvarez, foi o encargado de recoller a distinción, esta fin de semana, nunha comida de confraternidade mariñeira celebrada no Casino Principal de Guadalaxara. O acto, encabezado polo Presidente da FELAN (Federación Española de Ligas Navais), José Carlos Tamayo, incluíu o canto da Salve Mariñeira e un brinde pola súa Maxestade o Rei Don Felipe VI, presidente de honra do Monte Real.

Ademais da cruz do mérito náutico, José Luis Álvarez tamén recolleu diplomas e insignias pin de recoñecemento para o resto da Xunta Directiva do Monte Real, da que forman parte Alejandro Retolaza (vicepresidente), Ignacio Sánchez Otaegui (comodoro), Francisco Pino (vicecomodoro), César Fernández-Casqueiro (secretario), Fernando Yáñez (tesoureiro), Miguel Font (vogal de instalacións e proxectos), Margarita Cameselle (vogal de eventos deportivos) e Genoveva Pereiro (vogal de relacións exteriores).

A condecoración recibida polo club baionés é unha Cruz latina dourada, esmaltada en branco, que leva no centro o escudo circular da Liga Marítima Española sobre fondo azul e no seu parte superior unhas follas de carballo que a enlazan cunha cinta de cor vermella carmesí.