O gondomareño Javi Casellas opta a ser un dos nomeados aos Goya

FOTO: FESTIVAL DE MÁLAGA // Javi Casellas.

O gondomareño Javi Casellas é un dos 50 seleccionados que optan a ser os nomeados como “Mellor actor revelación” na 37 edición dos Premios Goya, que concede anualmente a Academia de Cine. O novo actor interpreta a “Garriga”, un dos cinco protagonistas que forman a cuadrilla de amigos sobre a que xira a historia de “Live is Life”, dirixida por Dani de la Torre con guión de Albert Espinosa. Os nomeados e nomeadas anunciaranse na sede da Academia o xoves 1 de decembro.

A historia de Javier Casellas comezou competindo contra adolescentes de idades comprendidas entre os 13 e os 17 anos no primeiro casting celebrado a finais de novembro de 2019 no Auditorio Municipal de Nigrán, ante unha primeira xornada de filtros maratoniana de máis de cinco horas de duración. Tras pasar o primeiro proceso tivo que volver repetir outra selección na Escola de Formación de Actores en Vigo, unha terceira en Santiago e finalmente en Madrid. Sen ter nocións previas nin relación ou experiencia algunha no mundo da interpretación, pasou da nada ao todo dando o salto á gran pantalla como debutante nesta película rodada en diferentes puntos de Galicia. Para o novo actor gondomareño a experiencia vivida en “Live is Life” tras tres meses afincado en Monforte de Lemos foi algo inesquecible e de feito quere repetir. Agora ten claro que a súa vocación é a da interpretación.

O filme cóntanos como no verán de 1985, como cada ano, Rodri deixa Cataluña e volve ao pobo galego dos seus pais para reencontrarse coa súa cuadrilla. Con todo, este ano é distinto para el e os seus amigos. Os problemas do mundo real empezan a aparecer nas súas vidas ameazando con separarlles. Aferrándose á amizade que lles une, os cinco amigos planean escaparse a noite de San Xoán en busca dunha flor máxica que, segundo conta a lenda, crece no alto dunha montaña e pode facer que os desexos se fagan realidade. Porque o seu único desexo agora é resolver o problema do seu amigo en apertos e con iso poder seguir xuntos. Unha aventura que lles fará crecer a través dun fascinante camiño cheo de acción, emoción e esperanza, e que lles deixará no recordo para sempre aquel verán no que de fondo soaba “Live is Life”.