Nigrán estrea a cociña do CEIP Humberto Juanes con oito obradoiros de receitas de Nadal

O Concello de Nigrán ofrece a partir do venres 18 de novembro e ata o domingo 11 de decembro un total de 8 obradoiros de receitas de Nadal para adultos e infancia na nova cociña escolar municipal do CEIP Humberto Juanes, instalación construída polo Concello cun custe de preto de 400.000 € e lista xa para ser empregada.

Estes obradoiros están dirixidos só a persoas empadroadas no municipio e os impartirá Chupipostres empregando para eles produtos adquiridos no pequeno comercio de Nigrán. Todos os asistentes levarán a receita e o seu resultado para casa para poder degustala. Por unha banda o Concello ofrece tres obradoiros diferentes para adultos (a partir de 15 anos de idade) os días 18, 19 e 20 de novembro, en horario de 18:00 a 20:30 horas e, por outra, cinco diferentes para nenos (de 8 a 14 anos) os días 19 e 20 de novembro de 16:00 a 17:30 horas e os días 9, 10 e 11 de decembro de 17:30 a 19:00 horas.

O grupo infantil estará formado por un máximo de 10 nenos e o de adultos por un máximo de 15 persoas. O período de inscrición para todos os obradoiros de novembro abre hoxe sábado a través dun formulario web en http://www.nigran.es onde se especifica cada obradoiro e os de decembro abrirán o prazo o día 1. O Concello comprobará se o solicitante está realmente censado en Nigrán e cumpre coa idade esixida, anulándose a praza se non se corresponde.

“A organización dos obradoiros é un recordatorio á Xunta de que estamos agardando para que autoricen ao cátering a cociñar aquí”, recoñece o alcalde, Juan González.