O presidente da Mancomunidade convoca xunta de portavoces para abordar a situación da piscina

A Mancomunidade do Val Miñor actuará ante a nova baixada da temperatura da auga da piscina da Ramallosa por parte da empresa concesionaria. O seu presidente, Juan González, alcalde de Nigrán, remitiu este xoves un escrito a Serviocio advertíndolle que “de non liquidarse o problema de xeito inmediato e duradeiro, a Mancomunidade verase na obriga de ter que tomar outro tipo de medidas” e, por outra banda, reclamoulles unha reunión urxente antes do luns 14 de novembro ás 13:00 horas, data na que convocou unha Xunta de Portavoces da Mancomunidade con presencia da totalidade dos grupos e coa proposta da presidencia de abrir xa un expediente sancionador.

“Non imos permitir que a empresa reitere nesta acción que prexudica claramente á calidade do servizo. En setembro xa o fixeran e depuxeran a súa actitude despois de advertirlle as consecuencias e, desde esta semana, temos máis de 50 queixas de usuarios”, recoñece González, quen indica que “roza o mínimo legal permitido dos 25 grados”.

Paralelamente, a Mancomunidade ten en marcha un expediente para non prorrogar a concesión da piscina a Serviocio máis alá de maio de 2023, data na que expira, precisamente pola súa deficiente xestión. Con este obxectivo, contratouse á empresa Into Galicia Consulting para realizar unha auditoría técnica, económica e laboral e unha memoria xustificativa e prego de prescricións para a futura licitación.

“Non imos pasar por alto a situación. A calidade deste servizo público básico para a saúde de moitas persoas non pode ser deficiente e con esa temperatura da auga manifestan que é imposible realizar exercicio”, insiste González.