Alumnos do CPI Cova Terreña crean un “Libro de Medo” para os maiores de Baiona

Co obxectivo de facerlles chegar uns aloumiños literarios ás persoas usuarias do Centro de Día de Baiona, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CPI de Cova Terreña propúxolle ao alumnado de Educación Infantil e Primaria a tarefa de elaborar relatos curtos, rimas endemoñadas e ilustracións coas que se creou un “Libro de Medo” para que o gocen os maiores da vila. Estes traballos formaron parte dunha exposición temática que se preparou no salón de actos do Centro para desfrute de toda a comunidade educativa.

Ao longo da semana, EDLG celebrou o Samaín organizando tamén unha exposición de cabazas, a montaxe dun “photocall”, un vídeo informativo sobre este aspecto da nosa cultura e curtas de medo. Contaron coa colaboración da profesora da área Música de EP, Ana Rodríguez, que gravou varios vídeos co alumnado, un deles versionando Figa, das Tanxugueiras. Coma peche desta celebración, tiveron a sorte de gozar dunha actuación teatral baseada no conto “Os lobos” de Ánxel Fole, protagonizada por alumnado de 4º ESO e dirixidos polo profesor de Lingua Galega, Anxo Rajó.

Desde o centro agradecen a marabillosa colaboración das familias e do conserxe Víctor Moreira, “cos que sempre podemos contar e que sen os cales estas actividades non terían tan bos resultados”. “Este agasallo en forma de libro leva consigo a invitación aos maiores de que se animen a contarnos as súas propias historias de medo. Estamos desexando coñecelas”.