A xornalista Alba Lago, madriña do Banco de Alimentos de Vigo para a Gran Recollida 2022

A xornalista viguesa, Alba Lago, é desde hoxe a nova madriña do Banco de Alimentos de Vigo para a Gran Recollida 2022 que se celebrará os próximos 25 e 26 de novembro en supermercados da provincia e, de maneira simultánea, en toda España. A tamén presentadora de Informativos Telecinco recibiu esta mañá na nave de Lavadores o peto de voluntaria converténdose así en embaixadora da súa acción solidaria máis importante do ano e, á súa vez, tomando a substitución do actor Pedro Alonso, padriño durante a Gran Recollida do ano pasado. Foron o presidente e vicepresidente, Iván Martínez e Polo Quinteiro, respectivamente, os encargados de impoñerlle o peto á xa nova madriña do Banco de Alimentos.

“Un pracer que a madriña nos dixese si á primeira”, agradeceu Martínez, quen agradeceu o esforzo da nova madriña “desprazándose desde Madrid para ser nosa imaxe e visibilizar a importancia da Gran Recollida para o Banco de Alimentos”. En declaracións aos medios e unha vez nomeada nova embaixadora, Lago indicou que “me fai especial ilusión ser a nova madriña”, sobre todo, “no contexto económico actual tan difícil” e porque a Gran Recollida “non deixa de ser unha iniciativa solidaria de proximidade para os nosos veciños”.

Lago, unha voluntaria máis o sábado, 26

Lago confirmou que o vindeiro sábado, 26 de novembro, durante a segunda xornada da Gran Recollida 2022, participará como unha voluntaria máis recibindo doazóns de alimentos nun supermercado tanto de Vigo como de Pontevedra. Coa súa presenza en Vigo e Pontevedra, a madriña formará parte da rede de preto de 2.000 voluntarios que o Banco de Alimentos mobilizará os próximos 25 e 26 de novembro nuns 130 supermercados adheridos á campaña.

“Este ano máis que nunca hai que arrimar o ombreiro”, animou Lago con respecto ao fin de semana da Gran Recollida, á vez que, fixo fincapé en que, as persoas que poidan, axuden ás “familias especialmente vulnerables”. Despois de que a pandemia obrigase a levar a cabo as últimas dúas edicións de maneira virtual (2020 e 2021), este ano volverase a recuperar a esencia da Gran Recollida coa doazón física de alimentos nos supermercados, á vez que se mantén, tamén, a modalidade de achegas económicas ao pasar por caixa.

Aínda se necesitan voluntarios

Para converterse en voluntario da Gran Recollida só hai que ser unha persoa empática coa realidade social e contar con catro horas dispoñibles calquera das dúas xornadas durante a Gran Recollida e darse de alta na súa web: http://www.granrecogidavigo.org ou chamar ao 986 263022. Co lema “Comer non pode ser un luxo”, elixido este ano por parte da Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL), estarán presentes con voluntarios, perfectamente identificados con petos do Banco de Alimentos, en supermercados da provincia, cubrindo, na maioría dos casos, todo o horario comercial de todos eles.

Preto dunha trintena de colexios e institutos da provincia de Pontevedra confirmaron xa a súa participación na Gran Recollida 2022, mobilizando a parte do seu alumnado en distintos supermercados e axudándolles, así, na acción solidaria de maior envergadura. Tamén o farán traballadores de distintas empresas colaboradoras. O obxectivo esta Gran Recollida 2022 é recadar, polo menos, 300.000 quilos de alimentos, unha cifra similar aos anos prepandémicos. Se se consegue dita cifra, poderán garantir o abastecemento de alimentos básicos tanto ao almacén de Lavadores como á nave coa que contan en Pontevedra, polo menos, ata a primavera de 2023.

A Fundación Provincial Banco de Alimentos Vigo atende actualmente a máis de 20.000 persoas en situación de vulnerabilidade, a través das máis de 150 ONG e entidades homologadas coas que traballan. Durante 2021, repartiron máis de 2 millóns de quilos de alimentos. Cun claro carácter apolítico e aconfesional, todos os seus esforzos van encamiñados a velar polo cumprimento dun dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable.

Traxectoria profesional de Lago

Alba Lago (natural de Vigo) é xornalista e, na actualidade, presentadora de Informativos Telecinco xunto a Pedro Piqueras. Aínda que os seus inicios profesionais foron en Televisión de Galicia (TVG) á beira de Xosé Manuel Piñeiro, desde hai case 10 anos é un rostro indispensable no equipo de presentadores de Informativos Telecinco.