Bodegas La Val entrega a recadación íntegra da venda do seu “La Val Solidario 2021” a DisCamino

Bodegas La Val, unha das marcas pioneiras da Denominación de Orixe Rías Baixas, fixo entrega hoxe aos representantes de DisCamino dun cheque polo importe íntegro resultante da venda das 200 botellas da V Edición Limitada do seu albariño “La Val Solidario 2021”. O acto de entrega celebrouse en Bodegas La Val, situada en Salvaterra de Miño e nel, Fernando Bandeira, socio e xerente de Bodegas La Val e Antonio Ruiloba, socio e administrador, entregaron o cheque por valor de 1.800 euros ao responsable de DisCamino, Javier Pitillas, que estivo acompañado por Mónica Mera e Miguel Ángel González, pilotos de Handbike e Tándem, respectivamente.

Fernando Bandeira, socio e xerente de Bodegas La Val, dicía: “Para nós foi un pracer poder colaborar con DisCamino a través deste proxecto solidario. Estamos orgullosos de facer hoxe a entrega do cheque da quinta entrega desta acción que parece que veu para quedar”. DisCamino destinará esta doazón para continuar co seu proxecto e seguir logrando que calquera persoa con discapacidade poida gozar de todo o que a peregrinación do Camiño ofrece. Esta colaboración permitirá dotar de equipamento á asociación. Pola súa banda, Javier Pitillas, director xeral da Fundación, engadiu: “Estamos moi agradecidos por ser os beneficiarios desta V Vendima Solidaria, parécenos unha moi boa iniciativa e cremos que é necesario que se fagan este tipo de colaboracións”.

Péchase así o ciclo iniciado coa V Vendima Solidaria, tras a venda do albariño “La Val Solidario 2021” e a entrega do cheque a DisCamino. O pasado setembro, co inicio da vendima, Bodegas La Val presentou a súa VI Vendima Solidaria, e o próximo La Val Solidario 2022 será en favor de Apamp (Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral).