
O BNG en Baiona vén de presentar a través de Néstor Rego, deputado no Congreso, emendas aos orzamentos xerais do Estado por un valor aproximado de 3 millóns de euros. Solicitan o acondicionamento e accesibilidade do paseo da Foz que quedou insuficientemente reparado coas obras realizadas no muro de contención. Propoñen a realización dun estudo para facer accesible o edificio de Capitanía Marítima. Outra vez máis emendan a adquisición dos terreos da Foz do Miñor nos que se sitúa o Cámping pola necesidade de recuperación do litoral nunha zona de Rede Natura 2000 e para cumprir coa Lei de costas. Dado que a día de hoxe os terreos da batería militar de Silleiro aínda non pertencen ao Concello de Baiona, solicitan o acondicionamento do espazo e a cesión gratuíta, tras indemnización ás propietarias e propietarios aos que lle foran roubados polo réxime franquista.
Renuncia ao aumento do gasto militar
“O BNG critica o incremento do gasto militar desorbitado que se produce a partir destes orzamentos de 2023. É inxustificábel que a prioridade do Goberno de PSOE/UP sexa aumentar 3 mil millóns de euros o gasto militar nun contexto de crise social e económica”, asevera Rego. “O BNG emenda o capítulo de gasto militar precisamente porque entendemos que a prioridade neste momento debe ser outra, as políticas sociais e de reactivación da actividade económica e de creación de emprego”, afirma o deputado.