Asier González vestirá de flúor por cuarto ano consecutivo

A fidelidade de Asier González ao Vigo-Rías Baixas permitirá á estrutura presidida por José Luis Chamorro seguir contando en 2023 cun dos seus buques insignia. O corredor burgalés, quinto clasificado esta tempada na clasificación Elite da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC), defenderá por cuarta campaña consecutiva a camisola flúor. A pesar de recibir ofertas máis suculentas no económico, o escalador de 23 anos priorizou outros aspectos á hora de elixir equipo para continuar coa súa progresión.

“Ao final é case como unha familia”, sinala Asier González para explicar a relación que lle une ao conxunto olívico desde finais do 2019: “Este ano estiven case un mes na casa dos Chamorro e iso moita xente non cho ofrece”. A súa chegada ao Vigo-Rías Baixas coincidiu coa do abulense Noel Martín e os dous “veteranos” do persoal renovaron a súa vinculación nas últimas semanas cun proxecto ao que tanto achegaron co seu rendemento e comportamento.

Desde o arranque do calendario 2022 ata o tramo final da tempada o ciclista de Burgos fixo gala da súa fiabilidade. A principios de febreiro logrou a quinta posición na segunda xornada da Volta ao Guadalentín e nos últimos días de agosto obtivo a sexta praza na xeral da Volta á Illa de Tenerife. Entre estes dous top-10, unha infinidade de resultados destacados como o noveno posto na Clásica Cidade de Torredonjimeno.

Tendo que traballar menos para os seus compañeiros que en anteriores campañas, Asier González móstrase satisfeito dos seus resultados: “Dei un pasiño para adiante. Conseguín ser moi regular durante todo o ano, que era o reto que máis medo dábame”. Para 2023 espera “seguir mellorando” e na súa planificación aparece a Copa de España como “o meu primeiro obxectivo”.

O certame estatal presenta para o corredor castelán-leonés e os seus compañeiros de equipo a motivación extra de que por segundo ano consecutivo finalizará na Vigo Copa de España. A carreira organizada pola entidade flúor alcanzará o próximo 21 de maio a súa terceira edición.