Baiona pide reforzar durante o verán o persoal sanitario do centro de saúde e do PAC da Xunqueira

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Centro de Saúde de Baiona.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, esixe á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a cobertura necesaria para dar servizo ao Centro de Saúde de Baiona e ao PAC da Xunqueira que dá servizo ao Val Miñor de fronte ao importante aumento de persoas usuarias que atraerá ata estes servizos sanitarios a tempada estival. O rexedor baionés, tamén á fronte da Concellería de Turismo, fai esta reivindicación “tras realizar unha análise coas técnicas do departamento para coñecer a previsións de ocupación do municipio durante os meses de verán. As cifras lanzan unha ocupación do 95%”.

Así mesmo, Gómez mantivo conversacións con persoal do centro de saúde, quen lle trasladaron que “ante a previsión desta gran demanda dos servizos sanitarios, os profesionais ven inviable a atención a todas aquelas persoas que non residan no municipio”. O Alcalde mostra a súa preocupación ante esta situación e esixe á Consellería “que asuma a responsabilidade de dar cobertura a esta zona para atender a unha poboación que se multiplica no verán como consecuencia do turismo. Esta situación require dunha solución inminente”, sentenciou Gómez, que aproveitou ademais para reclamar un servizo de plena restitución dos servizos de atención primaria e de máis persoal e recursos para o centro de saúde baionés e para A Xunqueira.

Neste sentido, Goméz detalla tres puntos fundamentais de reivindicación. “Primeiro, a recuperación progresiva da atención presencial nos centros de saúde do conxunto da zona sanitaria, garantindo as medidas de prevención oportunas; segundo, que se poña ao dispor dos centros de saúde os recursos humanos e técnicos necesarios para evitar a demora na atención telefónica das citas médicas; e terceiro, dotar aos centros do persoal e equipamento suficiente para atender as necesidades de cada municipio conforme a súa poboación e ante o aumento desta durante a época estival, incluída a substitución das baixas dos especialistas para non interromper a atención aos pacientes”.

O mandatario baionés conclúe expoñendo que “o goberno local comparte a preocupación e o malestar existente polas deficiencias de funcionamento do Sergas e a negación da Xunta da existencia de problemas en xeral, e máis en concreto no centro de saúde de Baiona e na propio PAC da Xunqueria, que son os casos coñecidos directamente no Val Miñor e obxecto de reiteradas queixas e denuncias por parte dos usuarios e usuarias, e profesionais dos propios centros sanitarios”.