A Unidade de Alopecia de Ribera Povisa xa realiza transplantes capilares

A Unidade de Alopecia de Ribera Povisa, situada en Colón 28, incorporou os transplantes capilares ao seu catálogo de servizos. Desde o pasado mes de setembro realiza a técnica FUE (Follicular Unit Extraction), que consiste en extraer unidades foliculares de maneira individual dunha zona doante, para a súa posterior implantación na zona receptora. É a técnica máis demandada e que consegue mellores resultados.

Con esta técnica, a consulta dirixida pola tricóloga Iria Montero completa un amplo catálogo de solucións e tratamentos para facer fronte á alopecia androxenética (AGA), a forma máis frecuente de perda de cabelo, que xorde por causas xenéticas e hormonais e que afecta ao 80% dos homes e ao 40% das mulleres nalgún momento da súa vida.

“O transplante capilar é a ferramenta perfecta para acabar de mellorar alopecias estabilizadas con tratamentos médicos e chegar ao efecto estético desexado polo paciente. Tamén hai casos de pacientes con cicatrices moi estigmatizantes no coiro cabeludo a quen un pequeno transplante capilar cámbialles por completo a vida”, sinalou a especialista.

As intervencións comezaron o pasado mes de setembro en colaboración coa firma MAI Solucións Capilares. “Coa técnica FUE a recuperación da zona doante é máis rápida, posto que as extraccións son microscópicas e deixan cicatrices mínimas, case imperceptibles”, explicou a doutora Montero.

A Unidade de Alopecia, inaugurada en setembro de 2019, conta cun amplo catálogo de tratamentos entre os que se inclúen distintos tratamentos tópicos e orais e novas técnicas como a mesoterapia, o microneedling ou o emprego de plasma rico en plaquetas, entre outros.