O IEM organiza un ciclo de Faladoiros temáticos co mar como protagonista

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Ondas na Concheira.

O IEM organiza este mes de novembro un ciclo de Faladoiros temáticos co mar como protagonista. Baixo o título de “Co mar de fondo”, este pasado xoves arrancaron os faladoiros coa presentación da revista mariñeira Nova Ardentía, da man de Helena Pousa, Antón Mascato e Emilio Ínsua.

O xoves 10 será o poeta, e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, o que nos traerá o seu libro “Palmeiras, Piueiros” para debullar o cerne dunha obra chea de arrecendo a mar e historias de resistencia e loita contra o esquecemento do noso ser e as nosas raizames. Será Xaquín Cadilla “O Balueiro”, tamén poeta e home de mar, o que nos presentará ao autor e a súa obra.

O día 24 volverá ser Xaquín Cadilla, como presidente da asociación guardesa O Piueiro, o que nos falará da Talasonimia da costa da Guarda e de outros patrimonios inmateriais e materiais que levan recollido e estudado.

Todos os faladoiros serán ás 20:00 horas no local do IEM e aínda están traballando para, se é posible, pechar algún máis na data do xoves 17, que anunciarán oportunamente.