A realidade virtual permite en Baiona viaxar no tempo e visitar a Carabela Pinta de 1492

Viaxar no tempo con realidade virtual e visitar a Carabela Pinta de 1492 xa é posible en Baiona. Unha experiencia inmersiva onde o visitante pode interactuar con elementos virtuais. O alcalde, Carlos Gómez Prado, a Xefa da Área de Calidade e Proxectos Europeos, Laura González-Dopeso Portela, a Concelleira de Cultura, Miriam Costas Irirarte, a Directora da Casa da Navegación, Rosa Vilar Quinteiro, xunto con representantes da empresa XOIA Extending Reality, presidiron o acto de presentación do novo espazo museístico de Baiona, realizado a través dunha reforma promovida polo proxecto europeo “Exploraterra”, encargado de divulgar as grandes travesías transoceánicas peninsulares da historia.

A Casa da Navegación de Baiona acaba de presentar unha experiencia de realidade virtual coa que os seus visitantes poderán mergullarse no interior da famosa Carabela Pinta, pero non una calquera, senón a do ano 1492. Un salto no tempo de máis de cinco séculos que permitirá coñecer as reviravoltas da navegación e a vida a bordo naquela época. “Entre as melloras e novidades no catálogo atopamos unha interesante actividade de realidade virtual, con preferencia para aquelas persoas con mobilidade reducida que non poden acceder ao museo flotante”, destacou durante a presentación o Alcalde, Carlos Gómez Prado.

“Viaxar no tempo xa é posible en Baiona, o que abre as portas a unha nova forma de turismo, de cultura e de poñer en valor o noso patrimonio. Devolver á vida monumentos, espazos e elementos históricos para entender o patrimonio e o seu pasado de maneira visual é a gran aposta que fixemos desde o Concello de Baiona para achegar máis ao público a xesta colombina, a nosa historia e o noso museo máis visitado. A visita á histórica Carabela Pinta converteuse nunha aventura aínda maior na que o visitante pode formar parte da tripulación e interactuar nas contornas virtuais que se lle presentan”. finaliza o rexedor.